As obras en galego coparon o 67 % das vendas na Praza dos Libros de Carballo

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

ANA GARCÍA

Os visitantes adquiriron 1.600 volumes, o que elevou a cifra de negocio a 16.000 euros, 1.000 máis que o ano pasado

02 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As estimacións dos libreiros confirmáronse onte xa cos datos na man. Desde o Concello de Carballo revelaron que durante a edición da Praza dos Libros que se desenvolveu entre o xoves e o domingo da semana pasada vendéronse un total de 1.600 exemplares, dos que as obras en galego foron maioría cunha porcentaxe do 67 %.

Estas cifras levaron aos responsable municipais e das librerías participantes (sete en total) a facer unha valoración positiva desta feira, tanto pola alta participación de público e de visitantes como polo lixeiro incremento das vendas con respecto ao ano pasado. Nesta edición ascenderon a 16.000 euros, cifra similar a dos anos 2009, 2010 e 2012 e que permite remontar tras o pequeno baixón do 2013 (cando foron de 15.000 euros).

Por cuarto ano consecutivo os libros en galego superaron aos volumes en castelán, grazas en boa medida ao volume colectivo Contos de taberna e a outras obras de autores da comarca ou relacionados con ela como Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial; Salseiros, de Suso Lista, e Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto.

Ademais, a eses 1.600 exemplares vendidos hai que sumarlles as 400 copias do libro Os Bolechas en Carballo que foron repartidos de balde entre aqueles visitantes que gastaron máis de 30 euros en libro, o que eleva a cifra total a 2.000 libros.

Os organizadores destacaron tamén a boa acollida das diversas actividades programadas (presentacións, obradoiros, concertos, etcétera) e da iniciativa de regalar un molete de pan de Carballo con cada libro mercado durante o feirón dominical (entregáronse un total de 350).

Posibles cambios

Con todo, a celebración da feira tamén deixou sobre a mesa algunhas cuestións. No acto de presentación do programa deste ano, Ramón Tasende, da libraría carballesa Brañas, apuntou a posibilidade de adiantar a celebración da feira posto que, segundo argumentou, o feito de coincidir coa última fin de semana fai que moitos visitantes que rematan as súas vacacións nesas datas e teñen que regresar as súas localidades de residencia non poidan acudir.

Ademais, durante a xornada de clausura do domingo xurdiu outro debate, o da conveniencia ou non de dar entrada nos actos aos autores en lingua castelá. Un dos libreiros mostrouse a favor da primeira opción e explicou que con esa medida non se trataría de restar vendas aos libros e autores en galego, senón simplemente de chegar a máis lectores con propostas que só están dispoñibles en castelán e aumentar así e a cifra de negocio desta Praza dos Libros.