O feirón forneceu de lectores a última xornada da Prazo dos Libros de Carballo

Á. palmou

CARBALLO

A animación matinal do feirón repetiuse pola tarde grazas á presenza dos Bolechas.
A animación matinal do feirón repetiuse pola tarde grazas á presenza dos Bolechas. fotos< / span> ana garcía< / span>

Xurxo Souto, Os Bolechas, Xosé Iglesias, Mercedes Leobalde e Ramón Vilar foron os protagonistas do peche da feira

01 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os libreiros tiñan moitas das súas esperanzas de éxito depositadas no feirón de onte e a xornada non os defraudou.

A combinación dos mellores produtos da horta bergantiñá cunha extensa e interesante colleita de autores da comarca e o acompañamento do pan de Carballo (un molete de balde con cada libro mercado) fixo que o xardín municipal se convertese durante a xornada matinal nun fervedoiro de xente e que a venda de exemplares se desenvolvese a bo ritmo coa axuda tamén das actividades paralelas.

As presentacións de libros tiveron eco nas casetas das sete librerías presentes e así pola mañá Os contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto era un dos volumes máis demandados polos lectores co obxectivo de lograr que o músico e autor llo firmase ao rematar a súa intervención.

Xa pola tarde os poetas Xosé Iglesias (Transfusión Oceánica) e Mercedes Leobalde (Chamádeme Eva), tiveron nos Bolechas unha dura competencia, posto que ademais de percorrer o xardín e as rúas máis próximas entretendo aos máis pequenos, os bonecos creados por Pepe Carreiro tamén visitaron a carpa central para facer a presentación do seu propio libro: Os Bolechas en Carballo, que se puideron levar como agasallo todos aqueles visitantes da Praza Libro que fixeron compras por polo menos 30 euros durante os catro días en que estivo aberta.

O colofón desta feira da creatividade chegou coa presentación do debut literario do cercedense Ramón Vilar Landeira, autor presente tamén noutro dos grandes éxitos desta Praza dos Libros: o volume colectivo Contos de taberna estreado o sábado pola tarde.

A posta de longo de Os Televisores Estrábicos encheu a carpa central -moita xente tivo que seguir o acto en pé e desde o exterior da estrutura- e foron numerosos tamén os que despois se sumaron á ringleira formada para conseguir a súa sinatura.

Vilar, que foi presentado polo delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, lembrou que este último foi o seu «primeiro editor» posto que o seu periplo como xornalista comezou precisamente nas páxinas deste xornal e de xeito case que casual hai 13 anos mentres buscaba traballo como normalizador. «Nas miñas presentacións -contou tamén- non falo moito do libro porque non sabería que dicir», aínda que si relatou varias anécdotas relacionadas co volume, como a dun rapaz que lle escribiu para dicirlle que empezara a ler o libro e que estaba enganchado, aínda que dubidaba se deixalo non fora ser que llo fixeran ler de novo na escola.

Rematado o acto e mentres o último convidado desta Praza firmaba os exemplares, os libreiros comezaban xa a facer balance. Modesto Fraga, de Á lus do candil, e Ramón Tasende, de Brañas, coincidían no bo resultado da xornada dominical e tamén en sumar outro triunfador ao listado dos autores con mellor acollida nestes catro días de festa literaria. Suso Lista cos seus relatos de Salseiros.