Talento carballés para pechar unha tarde de lembranzas con Neira Vilas

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O autor presentou dúas novidades na Praza dos Libros antes de dar o relevo á posta de longo dos «Contos de Taberna»

31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tal como auguraban os propios libreiros na véspera, o sol foi onte un duro competidor para a Praza dos Libros, pero aínda así o xardín municipal rexistrou máis animación que na xornada precedente e o tirón dos protagonistas do día deixouse notar tanto no volume de visitantes como na venda de exemplares nas casetas.

A xornada arrancou ao mediodía cun debate sobre o fútbol na comarca co libro de Héctor Pose e Luís Porto Mar de paixón como fío condutor, e proseguiu xa pola tarde con dúas propostas pensadas para os máis pequenos e que por momentos competiron entre si: o espectáculo de contacontos de Raquel Queizás A maleta da avoa e o obradoiro impartido por algúns dos artistas -Mon Lendoiro, Isa Fernández, O?Mighelo, Taracido, Santi Picos e Cristina Castro- do colectivo Crea Formas, no que os cativos puideron dar renda solta a súa inspiración .

Outro grupo de creadores carballeses ou vencellados coa localidade reclamou pouco despois a súa cota de protagonismo coa presentación dos Contos de Taberna, o libro no que se materializar o traballo desenvolvido por máis dunha ducia de duetos de escritores e ilustradores. Moitos deles estiveron onte na posta de longo do volume, que Lendoiro dedicou a Milagros Cotelo, ausente onte por causas médicas.

Pero antes diso, o público puido asistir a un encontro coa emigración e coa historia de Galicia por boca dun seus protagonistas máis destacados, Xosé Neira Vilas. O autor cruceño, que segundo explicou pediu expresamente participar na Praza dos Libros de Carballo, fixo gala unha vez máis da súa memoria enciclopédica e do seu sentido do humor para relatar varias anécdotas da súa vida relacionadas con Epistolario diverso e Días de Cuba, as dúas obras que trouxo á capital bergantiñá, e que, segundo coincidiron en sinalar os seus compañeiros de mesa onte -Manuel Toval, de Edicións Embora, e Farruco Graña, en representación de Víctor Freixanes, enfermo- serán claves para entender a obra do autor.

Neira Vilas bromeu sobre a substitución das cartas polo correo electrónico -«agora xa ninguén pon ?querido amigo?, só un ?hola? e moitos nin se despiden»-, destacou a singularidade da emigración galega -unida sempre a súa terra polo «cordón umbilical da saudade», dixo citando a Castelao- e fixo unha reivindicación de Galicia botando man das verbas dun amigo seu -«temos un país que non coñecemos e, seguramente, que non merecemos»-.