«A nova biblioteca de Carballo ten que ser a gran biblioteca da Costa da Morte»

CARBALLO

J. M. CASAL

Profesor e historiador, abrirá mañá co seu pregón unha nova edición da Praza dos Libros

27 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Praza dos Libros de Carballo botará a andar mañá ás 11.00 horas, coa apertura das casetas, pero será ás 12.30 cando quedará inaugurada oficialmente co pregón do profesor e historiador Xan Fraga (Carballo, 1958).

-¿Como acolle o encargo?

-Son carballés, profesor no instituto Alfredo Brañas de Carballo, o meu amor polos libros xa é cousa de vello... Ser pregoeiro da feira do libro do teu pobo é unha ledicia.

-¿Pode avanzar algo do pregón?

-Din que deben ser breves, e este vai selo. Vai ser un canto á importancia da lectura e dos libros, á posta en valor das bibliotecas dos colexios, dos institutos... En Carballo temos tres institutos cunhas bibliotecas considerables, logo está a municipal e esta nova que se vai inaugurar. Para min, a nova biblioteca de Carballo ten que ser a gran biblioteca da Costa da Morte, especializada en todo o que se leva feito ata o de agora nesta zona tan creativa que non creo que haxa outra deste rango, e tamén do que se vaia facendo no futuro. Tamén digo que, en menos dun lustro, en Carballo tería que haber outra nova biblioteca, a maiores destas dúas, e máis puntos de lectura nas zonas rurais, porque aínda non se cumpren as ratios da Unesco.

-Pero o cambio foi tremendo.

-Si, claro, é extraordinario, non cabe máis que eloxiar a transformación dos últimos anos en materia cultural e educativa. É difícil atopar un concello en toda Galicia con tal cantidade de actos, pero debemos ser ambiciosos, e por iso digo que esa nova biblioteca ten que ser referencia para a Costa da Morte e referencia a nivel mundial pola súa especialización. Podería atraer xente, congresos, simposios... De aí que no pregón vaia facer un canto ao libro e á lectura, como formación, como educación e como forma de alonxarnos de tanto ruído xerado en gran parte polas novas tecnoloxías. Hai medios que, máis que informar, nos desorientan. Por iso digo que, mellor ca estar conectado na casa, é ir pasear ao xardín municipal, comunicarse, sobre todo coa xente maior, cada un deles é unha biblioteca.

-Claro, o que gardan...

-Foi ademais no xardín onde naceu o Carballo moderno, onde está tamén a primeira gran escola feita tras unha doazón de Desiderio Varela, quen pensaba que a educación e os libros eran fundamental para o futuro de Carballo. No pregón farei tamén unha pequena referencia ao mundo das librerías, dos escritores, das imprentas... Desta última a primeira, en 1862, estivo na rúa Saúde, a de Manuel Villuendas, que logo foi para Betanzos. A de Gervasio xa vai polo terceiro século, camiño da cuarta xeración... Preto da rúa Saúde, por certo, foi onde naceu Xesús San Luís Romero, quen empezou a ter moito amor pola lectura na biblioteca do Pazo de Vilar de Francos. Falando del, habería que ir preparando xa os actos do centenario de O Fidalgo, estreada no 1918, clave no teatro galego... Este ano cúmprense os sesenta anos de Mal ollo, de Cándido González Tiradas...

-Debe de haber poucas comarcas tan ricas en creación coma esta.

-E potenciouse máis iso co apoio institucional. É unha ledicia. Carballo, concretamente, vive un espertar cultural nos últimos anos e é por aí por onde temos que ir.

-Como profesor e como escritor, verá que o cambio na lectura é palpable, quizais por ese novos medios, polas redes sociais... Tal vez perdemos concentración.

-Estou totalmente de acordo, de aí a miña posición a favor de que a xente lea. O libro en papel é hoxe fundamental, e seguirao sendo no futuro. Temos unha sobredose de rede dixital. Como se di, xa non se diferenza o trigo da palla e xérase un caos que non fomenta a capacidade crítica e analítica. Ligado a isto, e sendo eu autor, está iso do canon polo préstamo das bibliotecas. Non creo que teñan que ser os usuarios, nin tampouco os concellos, os que paguen ese canon. Claro que hai que respectar aos autores, e puidese parecer que tiro pedras contra o meu tellado, pero non. Iso pode ir en contra do préstamo, da compra, causar un retroceso da lectura. Teñen que ser as institucións as que o asuman, non os usuarios.

-¿Pensa xa nun quinto volume de «Crónicas de Carballo»?

-A verdade é que pola miña banda non hai présa ningunha. Interésame moito máis o contacto cos lectores logo dos primeiros catro volumes, que a xente me diga posibles erros, corrixir edicións, melloralas... Xa digo, interésanme máis as críticas e entre todos ir creando esa obra colectiva que sempre dixen que era Crónicas. Como lle digo aos meus alumnos, non lle hai que ter medo aos erros, porque permiten ir pulindo, aproximándose máis...