«Mourelle de la Rúa non me caía demasiado ben»

manuel rial

CARBALLO

MATALOBOS

O actor cormelán visita Olveira este venres como parte de «Mofa e Befa» no marco das xornadas «Dumbría a escena»

27 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cociña Económica de Mofa e Befa é un dos espectáculos máis veteranos de Galicia con vinte anos ás súas costas. Este venres pódese ver na Casa da Cultura de Olveira, ás 21.30 horas. O cormelán Vítor Mosqueira é unha peza do dúo, xunto con Evaristo Calvo.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Foi un fotógrafo de Muxía moi bo. Un dos grandes xunto con Vidal.

-¿Verbena ou foliada?

-Foliada.

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-Pode que ao de Dombate.

-¿Cal é o último faro que se construíu en Galicia?

-Punta Nariga, de César Portela.

-¿Cando foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Onte. Foi un lavado rápido ademais, que teño présa para colgala que ando con ensaios.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Sosteño que é Touriñán e non Fisterra. É como o do hórreo de Carnota ou o de Lira, cal é máis longo.

-¿Un defecto?

-Son moi comodón. Se estou sentado no sofá, intento explotalo até o último minuto.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Vou dicir o de Vimianzo.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

-Federico García Lorca, nos Poemas galegos.

-¿En que lle gusta pasar o tempo das vacacións?

-Gústame ir á praia, a Corme, andar por Sardiñeiro e Fisterra. Facer mergullo ou estar tirado na hamaca colgada nos pinos, despois de comer.

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-108.

-¿Un soño por cumprir?

-Facer un papel dunha obra de teatro que me guste como o Mercutio de Romeo e Xulieta. Gústame o teatro clásico, xa fixemos unha, agora ensaiamos outra. Shakespeare é moi actual.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-(..)

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Prefiro praia téxtil, estou máis acostumado. Pero todos nos bañamos en pelotas por aí, hai tanta praia, aínda que sexan de bolos.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-Mourelle de la Rúa era paisano meu, de Corme. Non me caía demasiado ben, negouse a xurar a Constitución de Cádiz. Supoño que andaba descubrindo illas lonxe e non se decataba de nada.

-¿Licor café ou caipirinha?

-Licor café, espabila máis.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Para min, Fisterra. Porque é o final, final.