Escolas

ZAS

27 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Omantemento da unitaria de Carnés é unha boa noticia, sobre para as nais que pelexaron duro para que fose así. Queda a dúbida se noutros lugares da comarca, nos últimos anos, tería pasado o mesmo, en caso de haber erros como había neste, ou se aínda habéndoos todo o mundo o asumiu como algo necesario e ata inevitable, e non pelexou.

As escolas unitarias teñen algo de mohicanía, de abrazo do tempo pasado que non queremos deixar escapar. Forman parte da estética parroquial, trazos arquitectónicos que nos acompañarán sempre e respiramos delas, como a casa do cura ou o centro das vacas, ou o bar-ultramarinos. E cada vez queda menos de todo isto. De feito, cada vez queda menos de case todo.

Contrariamente ao sentir xeral, nunca fun moi fan delas. Seguramente porque non me tocaron. Nin a min, nin a unha ampla xeración dos primeiros setenta, cando empezou a haber menos nenos (a emigración notouse) e cando os colexios xa podían acoller a todos os que viñan da volta. O curioso é que, un decenio máis tarde, nalgúns sitios volveron a recuperalas (coñezo algúns casos en Zas). Aquilo era como unha transgresión temporal: os rapaces novos ían a unha escola á que tamén foran os seus pais, que para nós, os do medio, era o pasado, e de repente volvían á actualidade. Máis curioso foi ver algún mestre demostraba que os métodos didácticos seguían como antes: de novo vareadas con paus de vimbio (ou de ameneiro, máis duros), ensino baseado na autoridade e ata arrepío cara o universo rural. Por sorte, foi só un exemplo, porque coñezo casos que son todo o contrario (Entrecruces, por citar un). E, dende logo, de moito antes, sei de escolas unitarias nas que as mestras deixaron unha pegada imborrable nos rapaces, abríndolle os ollos ao saber e a defenderse mellor na vida.

Pero iso tamén nos pasaba nas grandes. Cheas de carencias naqueles anos, con malísimos e boísimos profesores. Eran outros espertares: largas viaxes en bus, comedor asegurado, mesturarse con nenos doutras parroquias, aprender a ser (algo) libre.