«Coa música por un lado e a calor da terra por outro, aquí case rozo a felicidade»

Á. PALMOU CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A partitura de Perfecto Varela e a letra de Teresa Mouzo serán estreadas este domingo en Salto

20 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Falecida a finais do 2009, Teresa Mouzo Barreiro deixou tras de si un importante legado de traballo en favor da parroquia vimiancesa de Salto desde a asociación Neira Marcos, e tamén moitas mostras da súa devoción por san Bartolo, incluída a letra para un himno. Cinco anos despois, as súas estrofas cobrarán vida este domingo grazas á partitura composta por Perfecto Varela Vázquez (Anos, Cabana, 1947), un músico afincado na provincia de Toledo, onde dirixe a Banda Municipal de Seseña, pero que cada verán regresa á súa terra natal.

-¿Como xurdiu a idea de poñer lle a música a este himno?

-Foi por iniciativa das compañeiras de Teresa Mouzo, que lle quixeron facer unha pequena homenaxe e aproveitando que ela tiña unha letra feita e puxéronse en contacto comigo para que lle puxera música. Eu, a pesares de que teño bastante traballo, accedín de bo grado porque é algo para a miña terra.

-¿Condiciona moito o feito de ter que traballar cunha letra xa rematada?

-Iso é algo que pode condicionar ou non. Neste caso si foi así porque era unha letra de ámbito relixioso e os versos ás veces non gardaban a simetría esperada. Ademais houbo que facer pequenos arranxos para que a cuadratura musical fose a axeitada, pero a mensaxe da letra é moi bonita.

-¿Onde busca e inspiración á hora de compoñer a música?

-Cando a letra é túa tes as cousas máis doadas porque trátase do teu mundo interior que flúe, pero cando cha dan o que tes que buscar é o ambiente e sobre todo que a música poña énfase na mensaxe da letra. Por exemplo, cando falas de Deus, que as notas sexan máis altas e cando falas da terra que sexan máis graves. Buscas un ambiente que module e que sexa agradable o oído.

-¿A música sírvelle tamén para manter os vínculos con esta terra?

-Pois si, porque eu levo 40 anos en Madrid, pero verdadeiramente esta terra lévoa na sangue e xa fixera temas relacionados coa comarca antes. No segundo disco que gravou a coral Xan Mella, a primeira canción, De entrañas da terra, é letra e música miña, e na última, foi Antonio Díaz o que fixo a letra e me dixo que quería unha habanera así que xa estaba máis condicionada.

-Hai dous anos presentou tamén durante unha visita estival á comarca o libro Las cruces del emigrante. ¿Ten novos proxectos literarios en marcha?

-Estou niso e espero que estea rematado pronto, pero vai moi lento porque o que non quero é escribir algo que non se poida constatar. Aínda así, xa está bastante desenvolvido, levo unhas 200 páxinas máis ou menos.

-¿Tamén vai ter relación coa comarca como a anterior?

-Trata dunha persoa que saíu da parroquia de Anos, en Cabana, e foi descubrir a Ceuta a través do contacto cunha familia mozárabe que o castro de Rozamonde ten toda unha historia detrás. Pero non podo contar máis porque se non xa o desvelo todo.

-Segue fiel aos seus veraneos na bisbarra.

-Si. Temos aquí unha casiña en Borneiro e como dicía levo esta terra no sangue, quéroa moitísimo e a súa xente tamén. Teño moitos amigos aquí e coa música por un lado e a calor da terra por outro aquí case rozo a felicidade.