«Soño con dar a volta ao mundo, pero son consciente de que non o farei»

La Voz

CARBALLO

14 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Artur Trillo destaca a gran importancia que teñen os diálogos en Demolición. «A obra está escrita por Cándido Pazó. E iso nótase porque tanto Toño coma min temos moita complicidade con el. A Cándido gústalle moito contar historias, as palabras. A acción dos seus personaxes é escasa. E neste traballo, o que pasa é que o diálogo destripa o que cada persoa quere contar. Os protagonistas atópanse nun lugar inhóspito e teñen moitas historias que botar fóra», destaca o director da compañía ceense, que xa leva nada máis e nada menos que 26 sobre as táboas.

Sobre a obra

«Demolición é un texto para dous actores. De tendencia e referencias realistas e actuais. De intención amena e dinámica. De signo aberto pero aportando a posibilidade de diversas lecturas», destaca a sinopse da obra.

Trillo, por suposto, tamén se someteu ao terceiro grao.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Un fotógrafo muxián.

-¿Verbena ou foliada?

-Foliada.

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-Non o teño moi claro, pero supoño que será Dombate.

-¿Cal foi o último faro que se construíu en Galicia?

-A verdade é que nin idea... Vou dicir o de Touriñán.

-¿Cando foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Onte.

-¿Un defecto?

-Non saber dicir que non.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-O cabo Touriñán... Sabíame as respostas pero chiváronmas desordenadas (risas).

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

-Lorca.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Supoño que do de Vimianzo.

-¿En que lle gusta pasar o tempo durante as vacacións?

-En rascar a barriga ben rascada, sen facer nada.

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-Nin idea, pero máis de 90 terá, ¿non?

-Un soño por cumprir.

-Dar a volta ao mundo, pero son consciente de que non se vai cumprir nunca.

-¿Onde está o Pazo de Romelle?

-En Romelle.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Nudista.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-Vou dicir en Malpica. ¿Foi en Corme? Quedeime cerca.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Quédome con Muxía, porque traballo alí os martes.