Novo desaire á Costa da Morte polos Penedos

Xosé Mª Lema

CARBALLO

X. AMEIXEIRAS

11 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Polo que se lía en La Voz días pasados, a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, fixo oídos xordos á proposta do alcalde de Vimianzo para poñer en valor a área dos Penedos de Pasarela e Traba, declarada Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia (DOG 14-01-2009), coa obriga da propia Xunta de adecentar o recinto para os visitantes nun prazo de dous anos (que onde van xa!). Xustamente hai case un ano, cincuenta viaxeiros do Seminario de Estudos da Costa da Morte visitamos Irlanda e, entre outros lugares, fomos adrede á zona oeste para contemplar os Acantilados de Moher, e días despois, desde Dublín, percorremos 263 quilómetros (só de ida) para ollar en Irlanda do Norte un espazo xeolóxico senlleiro: a Calzada dos Xigantes. Nos dous lugares tivemos que pagar a correspondente entrada, nada barata, pero todos demos por ben empregados eses cartos vendo a cantidade de postos de traballo que xeraban.

Pero tamén todos e todas lamentamos que en Galicia, tendo como temos un patrimonio natural e histórico tan rico non o aproveitásemos coma noutros lugares. Falta iniciativa privada, certo, pero tamén nos falta un goberno que teña algunha idea máis que facer recortes. ¿Como non vai haber paro? ¿Como non vai haber emigración? Sen saírmos da Costa da Morte, temos paisaxes equiparables ós cantís de Moher ou aos faros de calquera litoral atlántico europeo. E temos, sobre todo, unhas formacións xeolóxicas naturais nos concellos de Vimianzo e Laxe -os Penedos de Pasarela e Traba- que o catedrático da UDC Juan R. Vidal Romaní e colegas seus australianos cualificaron como formacións únicas no mundo. No Seminario de Estudos da Costa da Morte fixemos todo o que estaba ao noso alcance: guías, documentais, calendarios, postais sobre os Penedos. O pouco que tería que facer a Xunta (rozar os toxos e silvas, facilitar os accesos...), seica non poden porque non teñen cartos. Continúa o «non» sistemático a toda iniciativa a favor da Costa da Morte (o parque do megalitismo lévano anunciado desde 1999 e aínda non moveron un dedo). Unha conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, nacida en Ponteceso, ¿non terá a a mínima sensibilidade cara a estas senlleiras paisaxes da súa zona que tanto asombraran ao seu paisano Pondal?