Grande mestra mellor alumna

Vicente de Lema

CARBALLO

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

OFestival de Amigos da Ópera de A Coruña renderalle unha máis que merecida homenaxe este ano a María Luísa Rodríguez Nache (1924-1985), unha das máis grandes sopranos españolas do século XX. Unha artista esquecida e non sempre tratada como, o que era, unha muller universal. Foi a única cantante galega que compartiu escenario con María Calas na Scala de Milán, na representación de Medea e coa dirección do lexendario Leonard Bernstein. Actuou con intérpretes da talla de Franco Corelli o Carlo Bergonzi, falecido días atrás e que estaba considerado como o mellor tenor verdiano.

María Luísa Nache actuou no Metropolitan de Nova Iork, no San Carlo de Nápoles ou no Liceo de Barcelona. En You Tube aínda se pode escoitar a súa voz limpa nun fragmento da ópera de Puccini Turandot.

Nache non só era unha grande artista. Tiña que ser tamén unha excelente persoa. Nos anos sesenta e setenta viña visitar a Castromil (Salto-Vimianzo) á que fora a súa mestra na infancia, Carmen Neira Marcos. Baixaba daquel coche coma se fose unha princesa dos contos de fadas que a profesora lles lía aos seus alumnos, que vestían pantalóns remendados e calzaban zoquiños. María Luisa Nache levaba consigo dous cadeliños que parecían de peluche. Os nenos miraban abraiados toda aquela grandeza. Mágoa de non lle ter cantado unha pasaxe da súa Aida verdiana a aqueles rapaces. Ou moi boa era a mestra ou moi xenerosa tiña sido a súa alumna.