«O fado ten algo que te namora e xa non podes esquecelo máis»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Miguel Villar

A artista repasará hoxe os seus éxitos na praza do Concello de Carballo

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nacida en Oporto pero emigrada a Galicia coa súa familia aos sete anos, María do Ceo tendeu unha ponte artística entre as dúas ribeiras do Miño para fusionar o fado coa cultura galega. Esta noite será o público de Carballo (praza do Concello, 22.30 horas) o que poderá gozar da súa voz.

-¿Como será o repertorio deste concerto?

-Farei máis forza no meu último traballo discográfico, Fado con outro acento, pero loxicamente cantarei cancións de todos os meus discos, que xa son 10, e que son os temas que o público sempre pide. Levarei dous músicos de fado tradicional, pero aínda así eu nos concertos sempre me desvío para cantar as cancións máis sonadas e coñecidas da música galega, que non deixarei nunca de cantar porque senón perdería o meu selo de identidade: eu son unha fadista con outro acento, galaico portuguesa.

-¿Esa combinación nos seus comezos foi un hándicap ou unha axuda?

-Foi o mellor que puiden facer porque naquel momento, estamos a falar de hai 20 anos, non había ninguén que fixera isto. Falaban de min como unha revolución, do fado galego, algo diferente, autóctono e cunha pegada que ninguén tiña e que creo que segue sendo así porque que eu saiba son a única que fago esta mestura galaico portuguesa. Eu sempre cantei o fado porque era o que mellor se me daba, o que sentía e o que desde pequeniña levaba dentro por ascendencia familiar, sempre foi unha boa elección, sen esquecer nunca de poñerlle poemas galegos aos fados tradicionais e de darlle ás cancións galegas o meu aire de fado.

-¿Non tivo que facer fronte aos puristas críticos coas mesturas?

-Directamente a min nunca me dixeron nada, pero imaxínome que si houbo quen non o aceptou porque sempre hai xente moi purista que quere que toda a vida nos sigamos alumeando con candeas e vivindo en chozas. Pero eu síntome máis purista que ninguén xa que a miña forma de interpretar é con dous músicos e nada máis. Aínda que podo cambiar completamente o repertorio durante o concerto se vexo que teño un público máis animado ou máis triste, e iso é posible porque é algo moi xenuíno e auténtico.

-¿Que ten o fado que conquista ao público e aos artistas máis diversos?

-Imaxino que é o sentimento, a alma, algo que te chega dunha maneira que te namora e xa non podes esquecelo máis. Ao que lle gusta, gústalle de verdade e as persoas que teñen sentimento, sexan ou non artistas, téñelles que gustar. O outro día, gravando un programa de televisión estaba facendo a proba de son tamén David Civera e estaba completamente namorado e extasiado; cando rematei de cantar díxome que era algo tan auténtico, tan bonito, que xa non se ve nin se escoita case. E no seu día tamén me dixera algo semellante Sergio Dalma ou David Bustamante porque son persoas ás que lle gustan as cancións con sentimento.

-Haberá que ir pensando nun disco de duetos con eles.

-[Risas] Pois, mira, non estaría de máis. Por min encantadísima, claro que si.

-¿Ten a sensación de ser unha embaixadora entre Galicia e Portugal?

-Si, porque hai xa moitos anos fixen un disco que se chama precisamente Dúas almas do Miño que é a miña bandeira máis importante á hora de expresar o que eu quero dicir. É un disco totalmente en galego, con letras de Moncho Borrajo, pero con música totalmente portuguesa, dun compositor de Lisboa, e cunha artista, María do Ceo, que é esa ponte que une as dúas culturas. Sempre me sentín así porque cando vou a Lisboa, Porto ou Coimbra canto a Negra Sombra, Lela ou Unha noite na eira de trigo e os portugueses quedan abraiados; e aquí canto fados e os galegos gustan de escoitalos.

maría do ceo cantante