«A Carballeira mantén a calidade e o cartel deste ano penso que é moi bo»

Patricia Blanco
p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Souto encárgase de boa parte da organización desta Semana.
Souto encárgase de boa parte da organización desta Semana. inés varela < / span>

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa van seis anos de Semana Cultural nos días anteriores á Carballeira de Zas. Na súa organización traballa moi activamente Antonio Souto, concelleiro de Cultura.

-¿Como van estes cinco días de Semana Cultural deste ano?

-Moi ben, na sesión de contacontos de onte [polo mércores] tivemos un ambiente de cheo total. A Semana Cultural xa forma parte da Carballeira de Zas, foi indo a máis en canto a xente.

-¿Algunha actividade que conveza ao público máis ca outra?

-Os monólogos sempre teñen moi boa resposta, case todo en xeral, aínda que por exemplo as presentacións de libros, pola hora, poida que teñan algo menos. Pero a de Suso Lista estivo moi ben e a que fixeron Geli Romero e Juan Ignacio Moura, tamén. Foi especial e penso que un día histórico, porque vai ser difícil que dous autores de Zas, dous escritores locais, presenten as súas novelas na mesma xornada.

-¿Introducíronse modificacións ao longo destes seis anos de cita?

-Non moitas, salvo algún cambio de sitios. O que procuramos é manter a actividade, e facer moitas cousas para os nenos, sobre todo polas mañás, que é algo que nos demandan. Os monólogos están consolidados, o teatro tamén e o que intentamos, sobre todo, é darlle relevancia ao venres, á noite do día antes da Carballeira.

-Aquela proba do 25 aniversario de facer a víspera, colleu forza.

-Pois si, foi unha aposta de Castro-Meda, pero que apoiamos dende o Concello. Este ano, ademais, temos dous grupos excepcionais, como son Radio Cos e Saldos Negativos. Tiñamos con Radio Cos e Quique Peón unha débeda: el foi vinte anos profesor en Zas, con Castro-Meda...

-A xente espera todo un ano pola Carballeira. Coa Semana Cultural quererán conseguir que ese día non pase dun xeito tan rápido.

-Claro, queremos darlle a Zas ambiente de festa toda a semana.

-¿Mantén a calidade a Carballeira a pesar da falta de axudas?

-Penso que si, que de momento a mantén: o cartel deste ano é moi bo. É certo que este tipo de festas sofren crises e, aínda que depende do tempo, penso que vai saír ben. A Carballeira de Zas ten un público específico e consolidado. Para moita xente é unha cita obrigada e ten que ocorrer unha catástrofe para non ir.

-Supoño que vostede estará alí.

-Obviamente.

-¿Que destacaría do cartel?

-John Whelan é toda unha referencia neste tipo de música e, como non, Budiño. Con eles penso que xa está o éxito asegurado, aínda que creo que os demais tamén estarán á altura. Estamos algo preocupados polo tempo, mirando ao ceo, porque parece que dan choiva, aínda que temos a esperanza de que, se chove, o faga pola mañá e non pola noite.

antonio souto concelleiro de cultura de zas