Camiño no solpor entre prehistoria e fidalgos

Manuel Rial CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Na ruta participaron persoas de todas as idades.
Na ruta participaron persoas de todas as idades. ana garcía< / span>

Unhas trinta persoas coñeceron o patrimonio de Berdoias cunha visita guiada

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Había en Berdoias un señor fidalgo ao que lle gustaba a construción. Cando comezaba o século XVII déuselle por cambiar a igrexa parroquial de sitio. Estaba na Grixoa (como indica o topónimo) e creou unha nova máis céntrica na que mandou gravar o seu nome: Alonso de Lema. Pero non quedou niso; tamén deixou a Torre familiar para ir a unha nova casa, que aínda hoxe conserva no seu lintel a data de construción: 1607.

Berdoias leva a fidalguía gravada na súa historia, tanto é así que aínda hai pouco que os veciños pagaban impostos en ferrados polas terras que traballaban. Así o contaba Carmen Limideiro, pandeireteira que se apuntou a explicar a historia da súa aldea aos camiñantes que realizaron a pasada ruta do Vimianzo, Historia Viva, as visitas que se realizan todos os sábados do verán polo concello soneirán.

Despois dos fidalgos, pasouse á Idade do Bronce. A referencia máis antiga é a Casota de Freáns, con máis de catro mil anos de historia e que se debate entre dolmen e cista.

Coa axuda dunha lanterna os participantes nesta saída puideron observar os seus gravados: cruces e cazoletas, similares ás que presiden as rochas do Pedrouzo. Unha estación de arte rupestre descoñecida para o gran público que amosou os seus enigmáticos deseños aos visitantes á luz dos focos na chegada da noite. Círculos, raias e até un corazón. Petróglifos sen significado certo que trasladan ao pasado, moven a imaxinación e que forman parte xa da historia de Vimianzo.