Martelo e Castelao estreitan os lazos entre Vimianzo e Rianxo

Á. palmou

CARBALLO

Alborés, Antelo e Muíños, na presentación da obra «Evaristo Martelo. Antoloxía poética».
Alborés, Antelo e Muíños, na presentación da obra «Evaristo Martelo. Antoloxía poética». mónica ferreirós< / span>

Os alcaldes dos dous municipios participaron na presentación da antoloxía preparada e editada por Pepe B. Alborés

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Costa da Morte estivo presente por partida dobre o domingo na Feira do Libro de Rianxo. Ata alí viaxou o cormelán Suso Lista co seu debú literario, o libro de relatos Salseiros, e tamén Pepe B. Alborés, propietario do establecemento pontecesán A Tenda dos Libros e responsable do proxecto editorial Plan B co que vén de publicar Evaristo Martelo. Antoloxía Poética.

Lonxe de ser unha presentación máis, a estrea en Rianxo deste último volume converteuse nun acto de exaltación dos vencellos entre a Costa da Morte e a vila barbanzá.

Nel déronse cita, ademais do editor e responsable da compilación dos textos, os alcaldes de Vimianzo, Manuel Antelo, e Rianxo, Adolfo Muíños, tal como xa ocorrera na capital de Soneira a finais de xuño cando se fixo a primeira posta de longo deste volume dentro dos prolegómenos do Asalto ao Castelo.

Segundo explicou onte Antelo a razón deste intercambio de viaxes é que Martelo (que viviu entre os anos 1850 e 1928) é un importante lazo de unión entre as dúas bisbarras porque ademais de posuír o Castelo de Vimianzo -onde compuxo moitos dos seus poemas-, a súa familia era propietaria tamén do Pazo de Martelo de Rianxo, onde este pasaba tamén longos períodos no verán, e que hoxe foi recuperado para uso público -como a fortaleza soneirá- converténdose en biblioteca municipal.

Ademais, a pegada do fidalgo en Vimianzo liga a esta localidade coa figura de Castelao, posto que Martelo era o seu padriño e foi a persoa que plantou nel a semente do galeguismo: «El foi -explica Antelo- o primeiro que lle dixo, cando Castelao era un mozo recén chegado de Bos Aires que falar galego non é falar mal, senón falar diferente». Ademais, outro vimiancés, Perfecto López converteríase co tempo en mecenas do escritor, ilustrador e político rianxeiro.

Así, entre anécdotas e historias, transcorreu esta xornada de reencontro entre Vimianzo e Rianxo.

literatura e historia

O fidalgo díxolle ao seu afillado que falar galego non era falar mal, senón diferente