O mar como inspiración

Manuel Facal

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

O artista carballés reflexiona sobre o influxo mariño no proceso creativo

27 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No escuro do mar están as idades visionarias e o pavor ás limitacións vitais

Manuel Facal Ponte (Carballo, 1943) é un recoñecido artista, máis especialmente pola súa faceta de gravador. Ten feito exposicións por toda Europa e América.

A inmersión mariña, acuática, tamén sentimental e intelectual e sobre todo estética supón unha contemplación profunda da miña inspiración na obra pictórica e escultórica. A natureza das profundidades, a súa continuidade e a súa extensión é un paso aos tempos evolutivos que xeraron un hábitat creativo formal de extraordinaria plasticidade. Nos fondos oceánicos existe unha memoria colectiva de transformacións e ordes temporais que os comunican en sentimentos e emocións terreais. Fonduras, cicatrices, rupturas que logran impresionar o noso camiño de traballo dorido ou pracenteiro, poden contemplarse coas luces interiores e enerxías que proceden doutros mundos máis equilibrados.

A serenidade das profundidades presenta unha convivencia de grande harmonía e tempo vital. As formas e cores nas súas relacións de superposición nun escenario de gran riqueza presentan linguaxes de creatividade que ás veces pásannos desapercibidas. Naufraxios, cemiterios mariños, ámbitos de pesca, de traballo, de alimentación, son espazos de reflexión e toma de conciencia.

Dentro da miña historia, o mar está substancialmente presente nas rupturas, nos cambios e nas necesidades, nas ausencias e nas emocións, nunha liña quebrada e quebradiza alimentada dun primeiro fenómeno arcaico nas súas múltiples dimensións. Un contacto mutuo entre terra e mar nun diálogo común de naturezas compartidas, comunicacións subxacentes humidificadas polos temporais oceánicos atlánticos.

No escuro do mar están as idades visionarias, a serenidade e o pavor á escenografía do espírito, ás limitacións vitais, á conformidade de intranscendencia. Un encadeamento de movementos danzantes, sucesión ornamental de arquetipos visuais, plenitude permanente da paisaxe, sucédense en densidades lumínicas transparentes habitando un espazo carente de divindades.

Espectáculo vivo, museo da forma que non apela á conciencia humana. A subversión ante as arbitrariedades e a subxectividade da nosa cultura nunha minoría social proponse unha salvagarda da súa independencia, das súas leis propias, da súa natureza. Este mar noso que tamén sepulta material humano e integra á súa realidade física náutica, admítea e humidifica en material pobre dentro da vida voluptuosa na escenificación do xardín mariño. As memorias sepultadas nas profundidades dos colectivos da foxa oceánica constitúen unha historia atlántica de fondos procesuais do mar.

Un proceso poético

A comuñón coa natureza mariña sustenta a transcendencia da inmanencia, a busca de loita en combate co hábitat, a superación dos supostos insignificantes. Proceso poético que ben pode alimentar o debate dinámico nas distintas linguaxes cercados nunha autonomía como a galega. Terra que parte da súa xeografía ten como limites o mar Atlántico. A proximidade e a vivencia das nosas experiencias existen nunha lucidez de diálogo permanente cos espazos mariños.

Os sentimentos atlánticos exaltan a exuberancia do espírito. As reflexións acompañan os feitos de creación, retroaliméntanse, comunícanse e fecundan nunha comunicación oceánica. Estar dentro dos fondos e descender a eles desposuídos de ataduras e dispostos á contemplación e inmersión activan un silencio respectuoso cun medio deslizante, transparente, amortecedor de múltiples revelacións.

Contemplar e sentir esta linguaxe non deixa de purificar o noso corpo mental e sensible ante a grande inmensidade somerxida de formas secretas esenciais e destiladas nunha permanente evolución. Nos fluídos continuos atlánticos en oposición aos ?rmamentos celestes poden aventurar un misticismo e progreso emocional nun camiño de descubrimento e estéticas escondidas baixo o devir da auga.

O ir o vir das ondas de mar son produto de formacións, procesos de creación, movementos en progreso, en devir temporal. Cada onda é unha formación de complexidades e densidades, de enerxías circulares, espirais, concentración de liñas envolventes, sinuosas, formacións caprichosas, superposicións incontrolables interposicións, todo dentro dun proceso creativo permanente de formas acústicas e acuáticas turbulentas, ás veces outras relaxadas. A reprodución dos seres baixo o mar dinamiza os ritmos internos nas diversas colonias e os temporais e tormentas axitan os leitos mariños creando unha actividade frenética de fecundación que se nos aparece pacífica e silenciosa a pesar do dramatismo interno das súas profundidades. A reflexión e a visualización deste proceso de creación móvenos a unha apreciación estética e ?losó?ca que nos pode axudar a unha conceptualización e formación dunha obra de arte. A acumulación de textos sobre a escultura ou lenzo procrea, multiplica e exacerba a consanguinidade dos conflitos seculares. Renovación antropolóxica na súa reivindicación orgánica, estética, que apura a necesidade de apetencias universalistas.