O Fórum de Carballo consolida a súa actividade con máis de 60 iniciativas no que vai de ano

carballo / La Voz < / span>

CARBALLO

Eríxese como sede de cursos, base de novas oficinas e lugar de actividades puntuais ou de xuntanzas e conferencias

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No que vai de ano 2014, as instalacións do Fórum de Carballo acolleron xa máis de 60 actividades. Concretamente, 64, organizadas por máis dunha trintena de entidades do municipio e tamén da volta: dende a Deputación á Cruz Vermella, o Grupo de Acción Costeira Costa da Morte (GAC), o Club Ciclista Carballo, a Federación de Salvamento e Socorrismo ou a Asociación de Comerciantes do Barrio da Milagrosa, por poñer algúns exemplos.

Deste xeito, e segundo informa o Concello, o edificio vén sumando traxectoria a esa súa pretensión de ser un centro de formación por excelencia: das 64 actividades, xustamente a metade, 32 foron accións formativas específicas, boa parte delas organizadas polo Concello. Dentro da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) houbo cursos de competencias calve; ao amparo da Oficina de Promoción Económica (OPE), hóuboos sobre comercio, o modelo de franquía, coctelería ou turismo; mentres que no marco do Centro de Formación e no tocante a Accións Formativas para Desempregados (AFD, promovidas pola Xunta), un total de 60 persoas se forman en cociña, restauración, electricidade ou soldadura. Hai, ademais, exemplos recentes (xullo) do uso das instalacións do Fórum por parte de organismos como a Universidade da Coruña (UDC), que celebrou alí unha nova edición do curso de turismo ou, tamén, do de normalización lingüística; así como da Asociación para o Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños, que impartiu un curso sobre memoria da eficacia enerxética para as empresas.

Mellor media que no 2013

Durante todo o ano 2013, foron un total de 85 actividades, da man de corenta asociacións, as que se levaron a cabo no Fórum. Isto supón que ao longo deste ano a cantidade vai camiño de ser moito maior: o Concello agarda superar amplamente a cifra. Por outra banda, e co fin de ser motor de actividade, tamén no mes de maio se realizou a mudanza das oficinas da Consellería de Medio Rural e do Mar dende a rúa Igrexa na que estaban ao primeiro andar do Fórum; mentres que, en breve, tamén se prevé o traslado á pranta baixa da oficina de emprego da consellería de Traballo e Benestar, para o cal se asinou un acordo a finais do 2013.

Ademais de actividades formativas, o Fórum tamén serviu de espazo para iniciativas puntuais, como a segunda edición do Salón Expo Voda, organizado polo Centro Comercial Aberto de Carballo (CCA), ou todas as actividades paralelas ao primeiro festival de webseries de España, o Carballo Interplay (CIP). Tamén as instalacións acolleron o Foro da Formación e a Empresa organizado polos institutos de Carballo e da volta, e incluso unha charla maxistral a cargo de Adrián Felípez e Javier Olleros, dous cociñeiros de moi ampla traxectoria que suman catro estrelas Michelín.

Encontro de asociacións

O Fórum, din dende o Concello, traballa tamén por ser un espazo de xuntanzas, conferencias e charlas. De feito, o salón de actos situado na nave 1 fixo posible ata o de agora que un bo número de asociacións aproveitasen ese recurso: a Axencia Tributaria, a Asociación Galega de Apicultura, Asinec, a asociación ambiental Senda Nova, a Asociación de criadores de ovino e caprino ou a Mutua MC Mutual. Non faltaron tampouco as citas deportivas, a cargo de actividades como a marcha cicloturista a Bergantiños preparada polo Club Ciclista de Carballo. Ademais, tense consolidado como espazo válido para exposicións, dende unha de carácter permanente que aborda a promoción turística do municipio e á que teñen acceso os visitantes do Fórum; outra moito máis concreta con material de policía para Garda Civil de Carballo e tamén artísticas, como Galicia en B&N, que se inaugura hoxe mesmo e que se prolongará ata mediados do próximo mes de agosto.

Segundo sinalan por todo isto dende o goberno local, as diversas actividades manteñen case continuamente ocupado o edificio do barrio da Milagrosa, habendo épocas -coma o segundo trimestre deste ano- no que se chegaron a acumular ata 37 iniciativas.