Camariñas le «51 páxinas das nosas letras»

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

23 jul 2014 . Actualizado a las 15:27 h.

Camariñas ten un gran faro que alumea ó Atlántico. E estes días terá outro máis para alumear as letras. É unha mostra que onte inaugurou a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera: 51 páxinas das nosas letras, organizada pola Cámara galega para render homenaxe aos autores recoñecidos no medio de século da festa do idioma que dente 1963 promove a Real Academia. O acto tivo lugar onte ao mediodía na Casa de Pedra da vila camariñá. Ademais de Pilar Rojo estaban o alcalde, Manuel Valeriano Alonso; a vicepresidenta segunda do Parlamento, a exconcelleira de Camariñas Marisol Soneira; o xefe de coordinación cultural da Xunta na Coruña, o exalcalde de Carballo Manuel Varela: a deputada autonómica e exconcelleira de Carnota, Marisol Piñeiro, e o portavoz do PP local, Daniel Rego. Isto en canto a políticos, pero tamén estiveron presentes persoeiros locais como o empresario Andrés Cerdeiras e o presidente do Club Náutico, José Ramón Ayora.

Pilar Rojo anima aos veciños de Camariñas e da Costa da Morte e aos seus visitantes a achegarse ao contido da exposición «para afondar un pouco máis no coñecemento das letras galegas». Cre neste senso que sería bo que as familias acudisen cos seus pequenos porque neles «reside o futuro, e tamén o da nosa lingua e o das nosas letras».

Esta exposición foi inaugurada no Parlamento de Galicia o 2 de decembro último e xa pasou pola Coruña, Ferrol, O Carballiño, Celanova, Ourense, Lugo, Madrid, Xinzo de Limia, Verín, O Barco de Valdeorras e Cervo. Forman parte desta mostra as Medallas das Letras Galegas, que pertencen á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante Siro López e o escultor Manuel Ferreiro Badía e reproducen o rostro dos autores homenaxeados nos días das letras. Tamén inclúe paneis con biografías e as principais obras dos escritores, con académicos e un vídeo sobre a historia das homenaxes aos escritores e no que se pode escoitar a voz de Francisco Fernández del Riego. O coro de mulleres de Camariñas púxolle notas ás voces que oíron onte na Casa de Pedra.