«O programa de Corcubión non o teñen nin as cidades»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O presidente da entidade que prepara a cita conta que para este ano prepararon unha nova edición «con moito que ver»

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nerviosos non, pero si inquedos polo tempo, que sempre ten a última palabra. En Corcubión está pendentes do ceo e así o conta José Ramón Piñeiro, presidente da Asociación Organizadora Mercado Medieval Costa da Morte, na que tamén son parte moi activa o seu cuñado Aquiles Garea, así como Darío Redonda. A lista de colaborares é máis ampla: Lilía, Javier, Pana... As expectativas desta 14.ª edición que comeza hoxe volven ser moi altas: «Rezamos para que a choiva non afecte a estes tres días para os que traballamos tanto». Os aires doutra época xa están instalados na vila.

-Un programa sen descanso...

-Igual soa algo a broma, pero creo que a programación que ten este mercado medieval non a hai nin nos das grandes cidades. Cada 15 minutos, unha actividade... Iso fará deste mercado algo moi dinámico, con moito que ver.

-Para unha cita así, non ben acabará unha para empezar a traballar a do ano seguinte. E non parece precisamente pouco.

-Tanto eu coma o meu cuñado Aquiles xa estabamos na anterior asociación, aínda que non levabamos os temas que temos que levar agora. Daquela estabamos máis ben na segunda liña, pero se non o tivéramos collido, o mercado desaparecía. Nós empezamos no 2011 e empezamos de cero.

-¿E agora, que axudas teñen?

-Naquel primeiro ano no que nós organizamos, aínda o Concello nos puido meter unha pequena man na cuestión económica. Agora as cousas están como están e esa aportación foi decaendo, pero axúdanos moito doutra maneira: dándonos cobertura en cuestións de tramitación de licencias, cesión de espazos públicos... Agradecémoslle todo ese apoio en cuestións burocráticas e tamén en promoción. Nos anos anteriores non tiñamos axuda da Deputación, pero este danos unha pequena cantidade [súmase a outros patrocinadores, como Mahou, Ferroatlántica, a Cámara de Comercio de A Coruña e a Xunta]. Non obstante, non temos o presuposto de hai anos.

-¿Podería dar unha cifra?

-Falo en porcentaxes: debemos ter un 60 % menos de orzamento que a anterior asociación. Iso si, tivemos a gran sorte de dar cunha empresa coa que estamos encantados da vida: Géminis Servicios Temáticos y Artísticos. Xente seria que vive isto e é moi responsable. Para nós son clave tamén os patrocinadores, xa partindo dos da zona: negocios da hostalería de aquí de Corcubión e mesmo de Cee, que tamén colaboran. Mahou leva con nós os catro anos e, pola banda de Ferroatlántica, é moito de agradecer o labor que fai, o esforzo desta empresa non só co mercado medieval, senón con calquera iniciativa que haxa.

-En Corcubión teñen, ademais, o marco perfecto, a vila precisa, para un mercado medieval.

-Si. Este ano estiven no mercado medieval do Álamo, un dos máis grandes de toda España. Alí, quen organiza é o Concello e preguntáronme que me parecía. Díxenlle que moi grande, pero que nós organizábamos todo isto dende un pobo pequeno de Galicia. Corcubión non é grande, pero é coñecido fóra de aquí polo seu mercado medieval. ¿Como dicilo? Ten pedigree. Penso que por varias cousas: pola implicación que acada por parte da xente, de todos os veciños e porque se celebra nun casco histórico moi bonito. Non nos podemos queixar, para nada, xa quixeran moitos. En Corcubión temos o feito histórico que xustifica este mercado medieval, que é o desembarco. Este ano, coma o anterior, non se representa [xa tivera pasado máis atrás], pero é algo que non perdemos de vista e que non queremos esquecer.

-Verá que proliferan mercados medievais por moitas zonas, aínda que non haxa feito histórico.

-Si, foron xurdindo a medida que este avanzaba. Temólos en Muros, en Camariñas, en Muxía, ese intento que houbo en Fisterra e mesmo tamén en Carballo.

josé ramón piñeiro asociación organizadora mercado medieval

«Este mercado ten ?pedigree?, pola implicación da xente, polo casco histórico...»