«Este é o último ano de rapa para a nosa directiva»

Paula G. Mosquera / A. L. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

Despois de 5 anos sen cabalos nos montes, nesta rapa das bestas a asociación contará con 70 exemplares

15 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O próximo fin de semana terá lugar en Vimianzo unha festa que ten unha estreita relación coa zona: a Rapa da Bestas. Xa sexa porque os cabalos levan nestes montes a lo menos 200 anos, ou porque pasa de xeración en xeración como case unha forma de vida, a Rapa das Bestas é cada ano unha xornada de case obrigado cumprimento para os vimianceses.

Esta edición a celebración segue o mesmo camiño que os anos anteriores mesturando tradición, gastronomía e sobre todo amor polos animais, que coma todos nesta época, non pasan polo seu mellor momento. Despois de que se perderan anos atrás todos os cabalos salvaxes da zona, a asociación cabalar Monte Faro, con José Manuel Pereiro (Vimianzo, 1971) á cabeza, segue o seu traballo esperando deixar o seu cargo, o próximo ano, cuns montes nas mellores condicións posibles.

-¿De cantos cabalos dispoñen actualmente?

-Nós temos máis ou menos 70 cabalos, en total, na rapa, debemos chegar a cen animais.

-¿Canto tempo lles leva organizar esta festa?

-Cando termina unha festa empezamos a organizar a seguinte, ten moito traballo. Temos que preparar os animais durante todo o ano: cambialos de sitio para que teñan o mellor pasto, desparasitalos, telos en control, facer os peches...

-¿Cantas persoas son na organización da rapa?

-Na directiva somos 5, pero o total da xente que traballa deben ser unhas 20 persoas.

-¿Teñen moitos loitadores este ano para o curro?

-Sobre 15 ou 20 persoas, cada vez hai menos porque a xente foi marchando, pero aínda hai xente nova que ten ganas de entrar.

-¿Vén con ánimo á xente nova de seguir coa tradición?

-Si, hai rapaces que lle dan moita idea. Para isto solo fai falta ter carraxe, o demais vai dentro dun.

-¿Canto dura a rapa?

-A rapa dura en total case 15 días, porque hai que controlar os cabalos, quitar os poldros para facer a festa...

-¿Teñen algunha axuda ou subvención?

-Ningunha. Estámonos mantendo coas cotas dos socios e a recadación da festa, de vez en cando hai algunha achega do Concello, pero moi pouco.

-¿É doado seguir coa rapa ou é máis unha tradición que fan por afección?

-Tes que terlle moito amor e moita afección para facelo, a isto se non lle tes amor non se fai. Tes que perder moito tempo, porque nós tamén somos traballadores, incluso poñer cartos dos nosos petos, aquí ninguén cobra nada. Mentres estás na directiva intentas que todo saia ben e que os que veñan o collan como nós o collemos tamén, para que isto sigue adiante.

-¿Notan certa reticencia por parte da xente para ocuparse da rapa?

-Si que se nota certa reticencia. Axuda moita xente, pero a hora de meterse na directiva hai moita xente que di que non. Pero esperemos que o ano que ven haxa xente, porque este e último para a nosa directiva.

-¿É unha mala época tamén para os cabalos?

-Houbo 5 anos que non houbo cabalos nos montes, desapareceron por completo, por culpa de que era difícil telos controlados. A xente aburriuse disto. Pero cando nós chegamos a directiva, hai tres anos, o noso pensamento era repoñer cabalos no monte. Ademais falamos coas comunidades dos montes e neses 5 anos déronse conta que lles facían falta os cabalos e agora préstannos moito máis apoio, non economicamente, pero co que poden, préstannos os montes gratis.

- ¿Por que é importante ter os cabalos no monte?

-Antes o dos cabalos era case por supervivencia, era unha forma de vida, para ter unha propiedade, un capital. Tamén se usaban para labores, para mallar no trigo. Agora evitan moitos incendios, limpan os montes.

-Pero a relación de Vimianzo cos cabalos non é só festiva, tamén é unha fonte de traballo.

-Si, hai unha empresa alemá que fai cadeiras de montar que é bastante importante e debe ter traballando agora sobre unhas 100 persoas.

José Manuel Pereira Presidente de monte faro

«Cando chegamos á directiva o noso pensamento era repoñer os cabalos no monte»