«Hai moitas persoas que merecen as Letras Galegas antes que Filgueira»

La Voz

CARBALLO

09 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Ramón Freixeiro Mato súmase ás voces críticas coa decisión da Real Academia Galega de dedicar o próximo Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde.

-¿Que lle pareceu a elección da academia?

-Pois a verdade é que a min sorprendeume e non me pareceu unha decisión acertada. Non se lle poden negar a Filgueira Valverde os seus méritos como investigador e como erudito, mais hai moitas outras persoas que veñen merecendo a dedicación das Letras Galegas antes ca el, que presenta tamén algúns aspectos que non son realmente propicios para que se lle dediquen precisamente nestes momentos e fronte a persoas como Manuel María ou Carvalho Calero, que é realmente un escándalo que non se lle teña dedicado xa.

-¿Esta polémica pode afectar tamén ao debate sobre a lingua?

-Non debería ter moito que ver porque ao fin e ao cabo isto hai que entendelo como unha decisión da RAG. Aínda que como pode ir en detrimento do prestixio da propia academia o cal tamén pode prexudicar á lingua porque todo está unido. A RAG é unha institución importante e se ten prestixio social iso axuda a que o galego o teña, pero é unha entidade composta por unha serie de persoas, poucas, que toman decisións que poden ser equivocadas, pero iso non debería afectar ao proceso de normalización da lingua.