Os camiños da innovación e da formación

Miguel G. Silvarredonda

CARBALLO

02 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Duns anos a esta parte, hai un cambio na Costa da Morte, un cambio positivo, motivado en gran medida polo movemento de xeracións, persoas con ganas. É certo que iniciativas deste tipo, coma as que se están levando a cabo en Vimianzo e que moven tanta xente durante esta mesma semana do Asalto ao Castelo, sendo únicas, deberan estar presentes antes. Tempo atrás. Non o estiveron, pero hai que retomalo. Temos que mellorar, e para iso hai algo imprescindible: a rede hostaleira da Costa da Morte ten que estar apoiada dende os gobernos municipais por xente que saiba do sector, coñecedor da súa situación. Non sempre é así, e partindo diso non podemos ir a ningún lado. Hai moito máis que xornadas de tapas e pinchos. Dentro da propia rede hostaleira da Costa da Morte é necesario innovación, si, pero tamén, e sobre todo, antes de nada, formación. Precísase tamén ver resposta por parte do público consumidor. Temos aquí un turismo estacional, mais non sempre se aproveita os recursos que ofrece cada unha delas. É certo que a nosa cultura gastronómica está baseada en pratos tradicionais, cuns hábitos adquiridos, pero non o é menos que iso mesmo podemos preparalo dun xeito máis saudable e con outra presentación. Incluso un menú do día. A Galicia e á Costa da Morte un vén porque é preciosa, pola paisaxe, e pola súa gastronomía. O futuro pasa polo turismo, e o turismo vai moi vencellado á gastronomía. Hai que entender iso, e entender que, aquí, temos que ofrecer un produto galego, de calidade, e saudable. Temos un bo exemplo en Porto Muíños, que emprendeu hai moitos anos un camiño polo que hoxe ten creada unha marca a nivel mundial. Non só o camiño da innovación, coas algas, con máis de trinta especies en estudo, senón tamén o de actualizar e tomar a senda dunha comida saudable. Podo asegurar que as algas son as verduras máis saudables, verduras do mar que aportan todo tipo de nutrientes. Queda aínda por traballar, máis o feito de que a xente de aquí se anime ao seu consumo, máis alá daqueles que, apostando por unha vida sá, si as teñen moi aceptadas, como ocorre en países do norte de Europa.

O cabanés Silvarredonda é profesor de hostalería no instituto Paseo das Pontes (A Coruña), ademais de colaborador de Porto Muíños.