Catro anos especialmente fermosos

Alfonso iglesias. Foz (lugo)< / span>

CARBALLO

26 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando a miña parella Espe poña esta mesma semana rumbo cara o domicilio familiar de Foz, na Mariña Luguesa, pecharase unha emotiva etapa profesional en Fisterra, familiar en Corcubión e sentimental na Costa da Morte por tantos e tan fermosos intres vividos, tantas experiencias e polas imborrables lembranzas que nos acompañarán para sempre. Poucos días antes, coincidindo precisamente co remate do curso, abandonaran as terras de Fisterra o noso fillo Carlos e a súa avoa, que acompañaron a Espe nesta travesía de catro anos nunha comarca tan fermosa, agradecida e xenerosa.

Todo comezara hai catro anos, cumpridos no mes pasado, cando a Xunta, a través da Consellería de educación, destinara ese mesmo ano 2011, á miña compañeira Espe como titular da praza de tecnoloxía no IES Fin do camiño de Fisterra.

O desencanto inicial pola separación familiar e profesional (levabamos preto dun decenio compartindo morada na comarca natal) deseguida mudou de xeito radical, e en proporcional medida coa rápida e progresiva integración da familia neste fermoso espazo, e hoxe, catro despois, aínda sen chegar a abandonala definitivamente, xa sentimos nostalxia e morriña por ter que ausentarnos dela.

Dende a perspectiva que nos proporcionan os catro anos vividos, só temos palabras de agradecemento para as persoas que coñecemos pola acollida e o trato amosado, amigas e amigos que deixamos coa amargura da despedida, e por tantas mostras e sinais de afecto e gratitude recibidas, testemuñas sen dúbida, do carácter humanitario e xeneroso desta sociedade.

Aínda á risco de deixarnos alguén no tinteiro, vaian os agradecementos para o persoal docente do Praia de Quenxe polo exquisito labor formativo, en especial ó seu director, Delfín, e as titoras destes anos, Paula, Patricia e María Xosé, exemplos de docencia e profesionalidade. Un privilexio ...! Os compañeiros e compañeiras de claustro e o resto do persoal do IES Fin do Camiño, en especial á Javi, Maribel, Aurora, Victor, Iván, Ánxel, Fernando e Alfredo. Para as nais e pais dos compañeiros de Carlos, continuadores do período lectivo do grupo no Campo do Rollo e en tantos cumpres celebrados. Grazas de corazón.

Agradecementos tamén para os directivos das Escolas de fútbol de Corcubión por darlle a Carlos a oportunidade de xogar e ter un lugar onde gozar, aprender e competir no que máis lle gusta. Grazas Juan Becerra (presidente) e demais dirixentes (Carmen, Cris, Marta e outros) polo incansable e impagable labor que nunca nos cansaremos de recoñecer. Grazas tamén á Tito de Corcubión por facilitarnos todas as atencións que fixeron esquecernos, por intres, do noso propio fogar na Mariña luguesa.

A nosa gratitude para outras persoas que chegamos a coñecer e compartir tamén un tempo, quizais non tan continuo coma os anteriores, pero sempre tamén valorado: o persoal de urxencias do Hospital de Cee, a todo o persoal dos comercios de Corcubión e Cee que acostumabamos visitar. Aos amigos e amigas que coñecemos nas andainas pola Costa da Morte. A todos os profesionais dos moitos restaurantes frecuentados nunha rutina tan agardada como especialmente gozada as fins de semana. Unha mención especial para o Ribeiro, O Suíza e O Tío Moncho (Corcubión), La Colonial e A Cepa (Cee) e moi especialmente para Juan (A Gavilla), por ensinarme tanto a túa terra, que tanto aprecias, nas veladas compartidas e por preservar e dignificar un local tan fermoso e absolutamente imprescindible.

Grazas, de verdade, a todas e todos por estes catro anos especialmente fermosos que portaremos sempre fachendosos connosco. Volveremos, posiblemente polo mercado medieval de Corcubión 2015. Será un intre especialmente emotivo ...!