Desaparece a Festa Folk na Fin do Camiño

CARBALLO / La VOZ

CARBALLO

A asociación Anchoa, organizadora dende hai 15 anos, anunciou esta tarde que deixará de celebrarse

24 jun 2014 . Actualizado a las 19:15 h.

A asociación Anchoa de Fisterra anunciou esta tarde, a través dun comunicado, que deixará de organizar a Festa Folk na Fin do Camiño, unha cita que viña celebrándose dende hai 15 anos. «Quince grandiosas e exitosas edicións», din dende a entidade, que afirma telo meditado en profundidade. «Non por falta de ilusión ou por capacidade de organización, senón pola situación económica que nos toca vivir xa dende hai algúns anos», afirman sobre as razóns. Isto fai cada vez máis difícil continuar coa organización. Agradecen o apoio e axuda de veciños e comerciantes, así como o das Administracións: «En maior ou menor medida, tamén estiveron aí para botarnos unha man, ao mellor non todo o que nós quixeramos», din sobre estas últimas. A Anchoa dá as grazas polo ánimo e reitera o seu pesar por non poder corresponder ás peticións para que a Festa Fol seguise adiante.