«Carballo xa forma parte de min, e iso é para sempre»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xubílase e deixa atrás 25 anos de traballo no centro carballés

19 jun 2014 . Actualizado a las 13:02 h.

O vindeiro 29 de setembro fará 65 anos, idade de xubilación, así que José Miguel Suárez Barros deixará o seu cargo no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Este coruñés viña sendo director do centro dende o curso 91-92. É dicir, que atrás quedan 25 anos dos que se leva moito. Rematado o curso, queda agora o verán e setembro, mes de exames de recuperacións. O día 11 é data de probas e para esa xornada os seus compañeiros de docencia teñen prevista unha cea.

-¿Como afronta esta nova etapa?

-En realidade, de momento estouno desexando. Din que despois cansa, xa o iremos vendo...

-Cantas cousas quedarán no conservatorio logo deste tempo.

-No conservatorio non sei, pero dende logo no meu corazón e na miña vida, si. Por min -é mestre de guitarra- pasaron moitos alumnos que hoxe teñen xa trinta e tantos anos, moitos grupos... Carballo xa forma parte de min, e iso é para sempre, xa case me sinto un carballés. Quédame esa experiencia de ver como os rapaces foron medrando, hoxe xa licenciados ou coa carreira de música, que tamén hai. Podes imaxinar o que dan 25 anos participando na súa formación.

-¿Que pasará coa Big Band agora que vostede deixa a dirección?

-En realidade ese proxecto leva un ano en suspenso, á falta da incorporación de algúns instrumentos que son necesarios para banda. En canto sexa así, supoño que volverá a funcionar, por suposto.

-Moito ten cambiado o conservatorio dende aqueles tempos.

-Eu cheguei no curso 89-90 e eramos tan só tres profesores e uns 60 e tantos alumnos. Neste de agora pasan algo de 170, pero chegaron a ser case 200 nalgún ano. Nos primeiros tempos aínda o conservatorio era dependente do coruñés, a onde había que ir facer os exames. Logo xa pasou a ser municipal. Pasamos do piano, da guitarra e do clarinete que había ao principio, á incorporación do violín, o saxofón, a trompeta, o trombón... De Carballo ten saído xente moi boa.

-Hoxe é unha referencia.

-Si, e hai moitos alumnos, aínda que ten habido máis, pero a crise afecta. Houbo que subir as matrículas e supoño que tamén inflúe.

-¿Seguirá en contacto coa música aínda que deixe a docencia?

-Si, claro. Xa dende hai algúns anos veño tocando con algúns amigos e músicos xubilados, actuando desinteresadamente. Iso é algo que non abandonamos.

-¿Leva algún recordo máis especial ca outro do conservatorio?

-Ademais dos alumnos, claro, todos os anos os collín con moito cariño, vendo como medraban profesores e estudantes. Pero quizais poida citar cando nos concederon o Grao Profesional. Empezamos como Grao Elemental, pero progresivamente ibamos solicitando a concesión do profesional, xa cando iamos crecendo. E así foi ao final. Dalgún xeito síntome parte de todo iso, porque o vivín dende o principio.

-O que non cambia é o esforzo que teñen que facer os rapaces.

-Claro, e moitos viñan dende moi lonxe. Xente de Fisterra, de Baio, de Laxe lembro unha furgoneta chea de rapaces que se debían poñer dacordo. Tamén de Vimianzo, Santa Comba, Zas, Malpica e Ponteceso, en xeral dos arredores. É un esforzo moi grande, non só para eles, senón tamén para os seus pais, que a veces tiñan que perder a tarde aquí.

-Aínda que rematase o curso, virá ao San Xoán a Carballo...

-Algunha voltiña haberá que ir dar ao San Xoán, penso que si.

josé miguel suárez barros director saínte do conservatorio