Unha nova porta a Fisterra

Xoán Silva Pazos

FISTERRA

25 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Por fin teño nas mans o último traballo do poeta fisterrán, libreiro e gran amigo Modesto Fraga. O volume en cuestión, Fisterra. A de rradeira perla de Occidente, foi presentado o pasado sábado con gran éxito de público, e de seguro marcará un antes e un despois na literatura fisterrá. Desta volta non se trata dun dos seus moitos e valiosos poemarios; pola contra, vén de sorprendernos cun traballo en prosa, unha pequena xoia a medio camiño entre o ensaio literario e o libro de viaxes. É unha mestura atrevida pero que, sen lugar a dúbidas, cumpre o seu obxectivo. Adobiada con fermosas fotografías e un deseño sinxelo e cómodo, tanto pode servir como lectura enriquecedora para os fisterráns, como pode ter unha gran utilidade como obra de consulta para calquera dos milleiros de persoas que visitan a nosa vila cada ano. Quizais por isto poderiamos definir o libro como unha «guía literaria», recoñecendo, porén, o limitado desta definición ante unha obra tan complexa e que toca tantos temas.

Modesto vai percorrendo os principais elementos culturais, históricos, artísticos, monumentais, naturais e lendarios de Fisterra, levando ao lector nunha viaxe que atravesa tódolos elementos que conforman esa realidade que o autor define como «Fisterranía», o ser fisterrán, a cultura propia e a identidade única deste pequeno pero importantísimo recuncho do planeta. E todo isto sen renunciar a unha linguaxe fondamente literaria, unha prosa de poeta chea de lirismo e profundidade, na liña da mellor tradición ensaística do noso país.

É unha obra necesaria que os amigos da cultura e da historia de Fisterra botabamos en falta dende facía tempo. Un importantísimo paso que abrirá as portas, non cabe dúbida, a un renovado interese pola nosa identidade.