De cara á mellora do modelo produtivo da comarca

José A. Viña

CARBALLO

25 abr 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

Foi a preocupación pola mellora da eficiencia da formación profesional a que levou ós Institutos de secundaria de Carballo a buscar un ámbito de traballo no que tratar o problema. Posteriormente agregáronse a esta idea o Concello de Carballo, a Escola Familiar Agraria de Fonteboa, a Cámara de Comercio, AXOBER e, nesta segunda edición a federación de ANPA.

Cando se fala de eficiencia refírome a que o esforzo persoal e económico de formar alumnado non se ve suficientemente recompensado en termos de emprego e mellora da capacidade produtiva dos sectores económicos. De aí que as dúas edicións do Foro estean dirixidas a este obxectivo.

En primeiro lugar preténdese dar a coñecer a oferta de Formación Profesional ó alcance dos futuros alumnos e poñer de manifesto o seu valor.

A empresa non só debe mellorar o coñecemento dos recursos humanos que a formación profesional pode poñer á súa disposición senón que debe participar activamente na formación durante as prácticas e opinar sobre a eficacia da formación impartida nos centros educativos. En definitiva: debe buscarse unha relación estable e fluída entre formadores e empresarios.

Será necesario analizar experiencias doutras zonas de España, onde sabemos que os resultados son mellores. Nesa liña se está a traballar para organizar un encontro en datas próximas.

Estamos convencidos de que se somos capaces de manter esta liña de traballo, que xa ten dous anos de vida, poderemos influír decisivamente na mellora do modelo productivo da nosa comarca.