«Recomendamos esperar á hora de facer a declaración»

Santiago Garrido Rial
S. G. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Os afectados polas multas de Facenda maniféstanse hoxe en Santiago

23 abr 2014 . Actualizado a las 12:21 h.

José María Rocha Rodríguez (Tui, 57 anos), afincado en Vimianzo, traballador en Suíza durante 33 anos, coordina a chamada Asociación de Jubilados Antiguos Costa da Morte, coñecida por todos como plataforma de emigrantes retornados afectados polas multas de Facenda por non declarar cartos obtidos nos anos do estranxeiro. Levan xa case un ano traballando, e defenden que nunca foron informados sobre o que tiñan que facer, ademais de criticar as formas de Facenda, entre outras moitas cuestións. Hoxe pola tarde (16.30 horas) concentraranse ante o Parlamento de Galicia, onde se debate unha iniciativa do PSOE para anular estas multas.

-¿Como están as cousas agora mesmo? Estamos en plena campaña da renda.

-Si, e nós recomendamos esperar á hora de facer a declaración da renda. Polo menos, a que chegue a carta na que se comunica a sanción. Hai moita xente que a quere facer, pero é mellor esperar a ver se se logra un arranxo. O que xa non a facía, por non ter obriga, que siga sen facela, e o que a facía, que siga igual, pero declarando os ingresos de España, non os obtidos anos atrás na emigración. Recomendamos a espera, porque se se fai, seguramente terá que aboar os catro anos pendentes, se é que os hai.

-¿E se conseguen que se amañe algo, que pasará cos que xa pagaron?

-Queremos que recuperen os cartos pagados indebidamente. Pero, sobre todo, que eliminen os recargos, as multas. E que as medidas se tomen en Madrid, non só en Galicia, porque isto afecta a toda España.

-¿Saben xa cantos son?

-Sabemos que en España hai máis de 300.000. Destes, a multa xa lle chegou a uns 20.000. E, destes, a máis de 3.000 galegos. Iso, que saibamos.

-¿E na Costa da Morte?

-Temos 350 socios, que son familias, non individuos. Ou sexa: 350 casos coñecidos. A carta xa lle chegou a 174. Agora estamos reclamando polas multas e os intereses aplicados. Pero eses son os que nós coñecemos, estou seguro de que hai moitos máis que deciden pagar e punto, e non transcenden os casos.

-¿Cal é o país maioritario?

-Maioritario, e case único: Suíza. Son todos retornados suízos, menos dous, que estiveron en Alemaña.

-¿Que cantidades se están pagando?

-Moi variadas, dende sete mil e pico euros en total, o mínimo, ata 75.000 nos casos máis altos que coñecemos. Hai de todo. E hai tamén moita xente que o está pasando fatal, que non pode pagar, que ten unha pensión que é o sustento único da súa familia. Que marcharon polo mundo adiante nos anos sesenta e agora vense nesta situación de impotencia que non entenden, sufrindo e chorando.

JOSÉ MARÍA ROCHA RODRÍGUEZ

PLATAFORMA EMIGRANTES RETORNADOS