Árbores que van e veñen

CARBALLO

15 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Volvamos coas árbores, ese tema que para algúns é intranscendente, para outros unha cuestión madeireira, para bastantes un estorbo. Volvamos porque, malia xa ter falado da lamentable cuasi-inexistencia no casco de Carballo de masa arbórea -algo impensable en vilas equiparables, pero tamén nas máis grandes e nas máis pequenas-, de cando en vez aparecen exemplos que nos lembra as carencias e, de paso, dannos moita envexa.

Ocorreu recentemente en Sarria, Lugo. Nos xornais, nas teles, démoslle moita cobertura. Lóxico. Por resumir: o alcalde quería talar os abeneiros e outras especies que había por un tramo da ribeira para poñela bonito, disque. Ocorreu que moita xente, de todas as cores, pero unidos pola da sensibilidade, organizaron unha plataforma de protesta, realizaron accións reivindicativas, acudiron á Xustiza... E gañaron. De momento, aí seguen. Como son caducas, botando follas pola primavera e marchándolle, polo río abaixo, secas no outono. E se cadra poderá haber rapaces que escriban as súas iniciais ou ou que queira na súa cortiza cunha navalla regalada, como fixemos moitos, aínda que me dá que as iniciais que se gravan hoxe son os contrasinais dos móbiles e non os nomes ao lado dun arró.

Claro que, para moitos, igual así non é bonito.

Cando lía estas noticias, pensaba se en Carballo sería posible algo así. Un movemento social para protexer unha masa arbórea. E quédome coa dúbida, porque nin o hai para que as haxa. Ben mellor estaría a prolongación da rúa Perú, pola Ponte da Pedra. Ou a travesía de Malpica.

Hai sinais alentadoras: nos últimos plenos, xa houbo quen defendeu non cortar as árbores do xardín en caso de facer o aparcamento soterrado. Non é pouco avance: ata hai nada, a ninguén se lle ocorría tal cousa.

Pero a culpa non é só política. É de todos os que desprezan o valor das árbores.