A aula de conciliación da Casa da Muller de O Couto levará tres días a 45 nenos á Coruña

carballo / la voz < / span>

A CORUÑA CIUDAD

14 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un total de 45 rapaces, atendidos por 12 monitores, participarán desde hoxe ata o mércores na Aula de Conciliación que a Casa da Muller da Fundación Eduardo Pondal desenvolverá no colexio Calvo Sotelo da Coruña, onde serán aloxados.

Sairán ás 9.00 da mañá desde o aparcadoiro da igrexa pontecesá do Couto e durante estas tres xornadas, os participantes poderán participar en actividades de ocio e deporte e realizar saídas para visitar museos (María José Jove, Casa das Ciencias, Domus, MAC, etcétera) e para coñecer os espazos máis importantes da cidade herculina (Castelo de San Antón, Torre de Hércules, praia de Riazor, etcétera). Tamén visitarán outros lugares como a imprenta provincial ou o monte de San Pedro antes de emprender o regreso ao Couto, previsto para o mércores pola tarde (ás 20.15 horas).

Da coordinación das actividades ocuparase Patricia Bellón Mato.

Programas de conciliación

A da Casa da Muller non será a única proposta de conciliación para estes días na Costa da Morte. Hoxe darán comezo tamén as actividades programadas en concellos como Zas -tanto na capital municipal (en horario matinal) como en Baio (polas tarde)-, Ponteceso (de 10 a 13 horas), Vimianzo (pola tarde), Cabana (de 10 a 14) e e Laxe (de 10.30 a 13). En todos os casos se desenvolverán desde hoxe ata o mércores para facilitar que os máis pequenos ocupen o seu tempo durante estes días de parón escolar, pero laborables. Ademais, o Concello da Laracha trasladou do horario vespertino ao matinal as actividades da aula lúdica municipal para colaborar tamén coas familias nestas datas.