«En tres anos houbo aquí uns 150 concertos»

m.?R. / P.?b. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

11 abr 2014 . Actualizado a las 18:54 h.

O Boulevard Lounge de Fisterra celebra o seu terceiro aniversario. Esta noite haberá concerto, como adoita pasar os venres: será o de Smoke Trío, a partir da medianoite (gratuíto). José María Velay Insua, responsable do local, falou onte en Radio Voz Bergantiños.

-Tres anos e pasou moita xente por aí polo Boulevard.

-Si, durante estes tres anos xa tivemos a oportunidade de disfrutar de bastantes concertos. Uns 150 máis ou menos.

-¿Como acolleu a xente este local con música en directo?

-Non había moitos, pero nós cando montamos o local xa o tiñamos claro. Ese era un dos proxectos, ter unha pequena sala de música en directo. A verdade é que o acolleron moi ben, e xa non só a xente de Fisterra, senón a da bisbarra, que se achega cada semana. Os concertos, como norma, funcionan. Nós, despois, temos unha programación moi variada, que abarca dende o flamenco ao punk, o funk, o blues... Iso sempre axuda a traer caras distintas ao local, ademais das máis asiduas.

-¿Que ofrece Smoke Trío?

-Son unha formación da Coruña, un trío acústico que a min me teñen namorado, por dicilo así. A súa é unha música elegante, unha selección moi esmerada e coidada de temas, pero cunha maneira de interpretala que denota moito traballo detrás: unha voz marabillosa, a de Ángel, o cantante... Considerámolos unha das mellores bandas que pasou por aquí e terémolos con nós por terceira vez.