Cambio de hora

CARBALLO

26 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Coma tódolos anos, cando acaba marzo, a hora cambia. Este domingo terá unha hora menos, pero xa cearemos co Sol aínda no ceo. Medran os días e minguan as noites. E así será a partir de agora ata xuño, cando teñamos o privilexio de ser o último lugar de Europa -o cabo Touriñán- que ve ao astro rei afundíndose no mar. O privilexio de ter luz natural ata as once da noite, por moito fuso horario que intenten cambiar. Que máis dará erguerse aínda de noite.

Porque o día e a noite son cousas dos astros, pero os fusos horarios son cousas dos homes. E hoxe en día miramos pouco cara os astros. E nótase. Podiamos ler o domingo nestas páxinas que algúns reloxos dos Concellos, os públicos, é dicir, os de todos, non funcionan como deberían. Algúns son moi fermosos, pero non dan a hora correcta. Outros son máis normaliños pero marcan o tempo como se lles pide. E hainos que non teñen nin agullas. Nos consistorios, ao mirar de portas para a dentro, a cousa é bastante parecida. Uns de moita foto e moita pompa, pero pouca efectividade. Tamén os hai calados, discretos, pero que traballan polo ben común e cumpren co encargo que lle fixeron os veciños. Os menos, por sorte, andan sen timón, a mercé do vento que sopre.

A partir de agora, nos Concellos e na rúa, moitos vanlle a dar corda aos reloxos para facer nun ano o que non puideron, ou quixeron, nos tres anteriores. Rúas que levan doce anos a medio pintar remátanse nun par de días, os proxectos cheos de po resucitan do fondo dos caixóns, os días quédanse curtos para as axendas e os bica-máns e os plenos que onte eran auténticos compadreos convértense, da noite para a mañá, en campos de batalla por unha puñada de votos. A boa hora.

Os que viven a longo prazo e non de catro en catro anos ven como se lles escapa o tempo. O Concello máis grande da Costa da Morte é o da emigración que ten que buscar o sustento lonxe da casa. Porque aquí, aínda que o reloxo pareza parado, o certo é que, con este panorama, temos as horas contadas.