«Non se pode vivir da natureza e ao mesmo tempo machacala»

M. R. / P. B. m. carballo / La voz< / span>

CARBALLO

15 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa queda menos para a plantación de 250 especies de árbores autóctonas promovida pola asociación Axvalso de Vimianzo para mañá (11.00 horas, quedada na praza da Igrexa). A entidade, segundo contou Benjamín Queiro (Vimianzo, 1975), un dos directivos, naceu no 89 con tres piares: ecoloxía, cultura e deporte. Queiro falou onte en Radio Voz Bergantiños.

-Plantarán castiñeiros, ameneiros e carballos. Quizais aos nenos lles haxa que explicar cal é cal. Poida que non o saiban.

-¡Que va! Esa é a desgraza do noso país, no que os nosos pequenos asocian o eucalipto cunha árbore nosa. Facendo que cada neno apadriñe unha, tratamos de que se encariñe con ela e coa natureza. Queremos crear conciencia sobre o perigo de que as nosas fragas están desaparecendo. Nas provincias de A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo xa están desaparecidas, e en Vimianzo case non quedan carballeiras, só carballos illados. Cremos que non se pode pretender vivir do turismo e da nosa natureza e ao mesmo tempo machacala. Vemos necesario un pacto entre todas as forzas políticas, un pacto de país en defensa do noso monte.

-Tamén piden que o Concello plante árbores no centro.

-Si. Vimianzo cambiou moito nos últimos 60 anos, con edificios... No centro ten habido unha alameda e un parque que se destruíron para facer un mercado. Escribimos unha carta na que lle pedimos ao Concello menos prazas de aparcamento e máis árbores: pensamos que nas vías públicas as ten que haber.

benjamín queiro axvalso (vimianzo)