A soberbia planta da igrexa de Xulián de Brantuas

Luís Giadás

CARBALLO

J.M.CASAL

14 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Chama a atención no «salvaxe Val de Brantoas» (Brantuas dende comezos do século XVIII e non sempre figura así) a impoñente presenza do templo parroquial de San Giao ou Xulián: frontón triangular enmarcado por piramidóns moi estilizados e pilastras lisas. Evoca as igrexas de Sísamo, Loureda e Sofán, tamén neoclásicas serodias. ¿Mais, como neste territorio, arredado das vías principais, aparece tan magnífica construción?

Na visita de inspección, que realiza o arcebispado en 1791, atopa a capela maior en estado ruinoso, cominando ao párroco Bernardo Benito de Aldao a refacela, a conta dos caudais desta igrexa e das confrarías extintas, nas mans dos mordomos. Farase así e por iso contamos con esa xoia de baixorrelevo («Os desposorios de San Xulián e Santa Basilisa») que supoñemos da escola do mestre noiés Xosé Ferreiro. Pero a obra ten un fallo de vulto: o arco toral ou da capela maior ten cinco cuartas e media (cada cuarta son uns vinte centímetros) máis que o artesoado da nave, «quedando esta abatida, indecente».

Para solucionalo, había un novo párroco: José Bernardino Bermúdez, natural de San Xurxo de Artes, xurisdición de Bergantiños, fillo lexítimo de José Bermúdez Villar e de María Josefa Varela, donos que foron da casa e pazo de San Andrés de As Pallas, quen, adiantando cartos do seu peto, acometerá ambiciosas reformas en 1825: sube as paredes ata que o artesoado se suspenda por riba do arco e, ademais, reedifica a capela do lado oeste, «tanto por ameazar ruína como por ser escura, baixa e desproporcionada», e fai con proporción e simetría a parte do vendaval (sur) onde xa iniciara un arco. A maiores, baldosa o pavimento e constrúe a nova fachada, xunto coa torre, e adianta o adro (a trabe para a tribuna regalouna o Señor de Vilar de Francos). Gastos totais: 10.969 reás e 24 marabedís, unha fortuna para a época.

O 21 de xuño de 1830, falecido o párroco José Bernardino aos 33 anos e medio (como reza na súa tumba, no lado do Evanxeo), sucédelle o seu irmán e primoxénito dos señores de As Pallas, Plácido Bermúdez Varela, abade e párroco que foi de San Martiño de Tameiga, diocese de Tui, en virtude do dereito de presentación de Pedro María Bermúdez Varela, oidor que fora da Real Audiencia de Galicia.

E, para deixalo todo aclarado, reembolsarase os 704 reás, que adiantara José Bernardino para as obras aos seus herdeiros e ao maxistrado Pedro Bermúdez Varela.

patrimonio na comarca