«Galebook xa é un referente tamén fóra de Galicia»

P. B., Á. P.

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

12 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A escritora Diana Varela Puñal (Corme, 1981) estivo onte na libraría Biblos de Betanzos participando nun acto sobre Galebook -editorial na que participa a súa paisana Estela Mosqueira e que se estreou cunha obra de Varela- e o día 21 presentará en El Corte Inglés da Coruña o seu primeiro proxecto como produtora teatral, A morte é a túa voz ausente, unha peza inspirada nas últimas horas do autor italiano Cesare Pavese.

-¿Como vai Galebook?

-Están traballando moi ben e son xa un referente, non só aquí, senón tamén fóra de Galicia, máis que nada no eido dixital.

-¿Como se animou a dar o salto ao mundo do teatro?

-En realidade nunca houbo tal salto porque eu sempre escribín teatro e sempre estiven moi vinculada ao mundo do teatro; de feito cando fun de Corme para A Coruña a primeira cousa que fixeron meus pais foi levarme a unha escola de arte dramática o que pasa é que chegaron á conclusión de que era moi noviña.

-Pero agora asume tamén o papel de produtora.

-Si, porque acceder ao mundo do teatro é moi complicado sen ter unha compañía propia. Case todas as obras que se representan hoxe en día son dos propios directores, por iso sentíame un pouco desamparada. Pero estou moi ilusionada e disposta a pór toda a carne no asador.