A Nova Escola Galega reivindica desde Carballo a vixencia de Rosalía de Castro

Á. Palmou

CARBALLO

Suso Rodríguez, director da Revista Galega de Educación; Mercedes Queixas, coordinadora do último número, e Rosalía Fernández Rial, colaboradora na publicación e presidenta de Lumieira.
Suso Rodríguez, director da Revista Galega de Educación; Mercedes Queixas, coordinadora do último número, e Rosalía Fernández Rial, colaboradora na publicación e presidenta de Lumieira. ana garcía< / span>

A entidade presentou no Pazo a revista monográfica dedicada á poetisa

13 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cunha Rosalía (Fernández Rial) exercendo de anfitrioa e outra Rosalía (de Castro) de protagonista, a Nova Escola Galego estivo onte en Carballo para presentar o último da número da súa revista, un monográfico dedicado á autora de Cantares Gallegos e Follas Novas.

Tras unha primeira sesión na que a profesora brasileira Tânia Braga falou do aproveitamento educativo das historias locais e familiares, Fernández Rial abriu o acto botando man dos versos da súa tocaia para falar do eterno retorno e relatar os seus lazos coa publicación e cos seus responsables -Suso Rodríguez, director, e Mercedes Queixas, coordinadora deste número-, aos que cualificou de exemplo de compromiso social e coa lingua e a cultura.

Rodríguez tivo palabras de recoñecemento para os representantes da Nova Escola Galega en Carballo e para a asociación Lumieira e destacou tanto a vixencia desa corrente e da súa publicación, que comezou en 1986, como da poetisa: «Verbas como loita, reivindicación e cultura galega están nos seus versos e tamén nesta revista», coa que, segundo explicou, pretenden «evidenciar o que aprendemos e o que podemos seguir aprendendo con Rosalía».

Manipulada e censurada

Nesta mesma idea abundou Queixas tras destacar que para moitas xeracións, a súa incluída e «algunhas posteriores», Rosalía foi presentada na escola de xeito manipulado e censurado e apoiou esta denuncia lendo un fragmento dun libro de texto actual de literatura española de terceiro de ESO no que, ademais de omitirse a súa produción en galego, é presentada como «representante del romanticismo tardío, hija de madre soltera, casada con el erudito Manuel Murguía y refugiada en su soledad». Fronte a esta concepción, Queixas reivindicou a Rosalía como «unha muller moi avanzada ao seu tempo que por iso resultaba bastante incómoda (...), culta, preparada, que falaba varios idiomas, sabía música. (...). O que escribiu podería padecer caduco por ser do século XIX, pero o día a día demóstranos que está de actualidade, que o que ela contaba está a suceder agora», asegurou a tamén escritora e profesora.

Exemplos a seguir

Precisamente, para aproveitar esa vixencia nace este número da Revista Galega de Educación no que hai numerosas colaboracións, como as de Pilar García Negro, Helena Villar Janeiro, María dos Anxos González Refoxo, Anxo Angueira, a propia Rosalía Fernández Rial -cunha «poética» entrevista a Xiana e Xosé Lastra, María Manuela e Mini e Mero- ou Francisco Rodríguez, autor da única tese de doutoramento centrada sobre Rosalía de Castro, feito que foi destacado por Queixas para reiterar a necesidade de reivindicar á poetisa.

Algúns dos presentes, como Nel Vidal e Farruco Fraga, avalaron tamén esta petición relatando a marxinación que a poetisa sufre mesmo na Universidade e en carreiras como Filoloxía Galega nas que debería ocupar un lugar sobranceiro como «poetisa nacional galega».

A publicación combina recursos a disposición dos profesores e alumnos -como un roteiro rosaliano- con exemplos prácticos do papel didáctico da súa poesía -como o caso dun alumno venezolano que logrou mellorar a súa integración poñendo música coa súa guitarra aos versos de Rosalía-. Queixas explicou tamén que espera que a publicación contribúa a dar continuidade ao rexurdir que experimentou o ano pasado da man dos actos do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e rematou a súa intervención cun chamamento a reinterpretar as famosas tres r medioambientais: «Reiniciar a lectura de Rosalía; revolucionar a nosa pedagoxía, e, nestes tempos nos que estamos, rechiar versos de Rosalía».