Rosalía Fernández Rial, finalista no Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández

Carballo / La Voz

CARBALLO

15 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A carballesa-muxiana Rosalía Fernández Rial (1988), quedou finalista no Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, que se fallou o pasado venres en Madrid. No acto tamén estivo presente como xurado o autor fisterrán Modesto Fraga Moure, que acudiu como representante da Real Academia Galega, nun acto que se celebrou na Secretaría de Estado de Cultura. O premio Miguel Hernández escolle ao mellor libro de poesía escrito por autores menores de 31 anos. O gañador desta edición foi Unai Velasco, co libro En este lugar. Rosalía Fernández, coa súa obra Vinte en escena, chegou á última rolda xunto a outra autora galega, Lorena Souto. Cabe destacar o feito de que dous dos cinco libros finalistas estaban escritos en galego, «nun premio onde a lingua xoga un papel determinante», como destaca Modesto Fraga.

Outra autora da comarca, María Canosa, tamén recibiu recoñecementos nas últimas datas. Hoxe recibirá unha mención de honra da Fundación Xosé Neira Vilas nos premios Arume de poesía para nenos, pola súa obra O libro dos medos que non o son. O acto será en Vila de Cruces ás cinco da tarde.