«A falta de comunicación entre os pais e os seus fillos é nefasta»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Alerta de que os problemas de conduta aumentaron entre os adolescentes

11 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai unha receita máxica para evitar que os rapaces se acheguen ao mundo das drogas. Cada caso é un mundo, pero si hai pautas que poden axudar a que os máis novos se afasten de actitudes e hábitos que lles poden levar á perdición. A comunicación e a información son fundamentais, segundo explica o presidente da asociación antidroga Vieiro, José Manuel Vázquez Gómez, quen se amosa convencido de que as familias deben xogar un papel fundamental na prevención. A vetarana entidade carballesa, fundada en 1991, vén de pór en marcha unha nova edición do programa de atención a familias con fillos con problemas de conduta, «o sinal de que o rapaz pode incorporarse ao mundo da drogadicción». Alerta, ademais, de que os rapaces empezan cada vez máis novos. «Segundo as nosas estatísticas, aos 11,4 anos empezan co alcol e aos 12,7 co hachix», di.

-¿Que lles levou a pór en marcha este programa?

-Hai mil motivos para meterse nas drogas, pero desde hai uns dous anos detectamos que moitas familias veñen pedirnos axuda porque teñen rapaces con problemas de conduta e en moitos casos ese é o primeiro paso para acabar na drogadicción. Dáse a circunstancia de que os rapaces van gañando terreo e autoridade na casa e cada vez ocorre con nenos máis novos. Así chega un momento no que os rapaces se descontrolan e fan o que lles dá a gana.

-Os rapaces son agora os que mandan.

-Exactamente e cada vez a idades máis temperás. Empezan coas rabechas e moitos pais as consenten por non escoitalos e co desexo de que se calmen, pero non é así e a situación cada vez é máis difícil. Aos nenos hai que falarlles, negociar con eles, comunicarse, por iso pensamos que o noso programa pode servirlles de axuda.

-¿Incrementáronse moito eses problemas de conduta?

-Moitísimo, por iso o ano pasado empezamos con este programa, no que participaron tres familias a modo de «experimento» e os resultados foron extraordinarios. Eles comprobaron o positiva que é a comunicación, o establecemento de normas e límites, as negociacións...

-A clave de todo parece estar na comunicación.

-Por suposto. A falta de comunicación entre pais é fillos é nefasta. Os rapaces en vez de pedir consello na casa, pídeno fora e iso non é lóxico. O lóxico é que cando un rapaz ten un problema llo conte aos pais e que entre todos busquen unha solución. Pero, desgraciadamente, a participación das familias no caso da prevención de drogadiccións, salvo excepcións, é nula. As familias teñen que poñerse ao día do que son as drogas e que facer para evitar que os rapaces se acheguen a elas.

-¿Que poden facer os pais?

-Se non se involucran as familias calquera medida de prevención cae en saco roto. No tema das drogas é relativamente fácil decatarse de que algo está pasando. Cando un rapaz cambia de carácter, baixa as súas notas, cambia de amigos... Hai cousas que din claramente que está pasando algo. Ao mellor non é algo relacionado coas drogas, pero é evidente que hai algún problema. Ese é o momento de sentarse a falar con el. Collendo os problemas a tempo sempre se poden solucionar. Porque cando o rapaz se mete no mundo das drogas xa é moi difícil de saír.

-¿Pensar os pais que as drogas non son un problema?

-Pensan que iso nunca lles vai pasar aos seus fillos. Todos cren que os seus rapaces están moi ben, pero eu sempre digo que, cando menos, os pais teñen que ter un coñecemento sobre as drogas igual que o que teñen os fillos. Se non é así, mal lles podes aconsellar. Hai que poñerse ao día. Un 80 % dos pais non teñen nin idea sobre o tema das drogas nin se preocupan por el. E iso é un problema importante. Na última escola de pais que fixemos hai dous anos ofertamos 5.000 prazas para todo o municipio de Carballo e só tivemos 130 persoas, e creo que iso amosa un certo desinterese.

-¿Pódese saír das drogas?

- É moi difícil e basta con mirar as estatísticas, porque dos rapaces que completan o programa só un 5% saen das drogas de forma definitiva. As consecuencias son nefastas porque é moi difícil saír de aí.

-Os propios estudantes din que nalgúns centros hai «trapicheos». ¿Como podería evitarse?

-Podería facerse moito máis se houbera máis vixilancia nas portas dos centros escolares, por exemplo, pero para iso fai falla máis persoal. En calquera caso, eu sempre digo que xa está ben de botarlle a culpa aos profesores ou ás autoridades, porque os colexios están para ensinar e para educar están as familias. É moi doado botarlle a culpa aos demais.