«A poesía é o alimento nutricio de toda a literatura»

La Voz

CARBALLO

13 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O profesor de filosofía e escrito Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) presenta hoxe Fadita fosca (Baia Edicións), un conto en clave de humor sobre a linguaxe dos nenos.

-¿É unha volta a literatura infantil?

-Nunca a abandonei. Digamos que durante unha temporada fixen máis ben novela xuvenil para mozos, pero hai xa moitos anos que escribo para pre lectores ou rapaces que están empezando a ler.

-¿O título da obra é unha homenaxe á fala destes rapaces?

-Si, homenaxe paréceme unha definición acertada, porque os nenos -neste caso unha nena, que é a protagonista- teñen unha fala moi graciosa, nesta etapa que é a máis marabillosa da vida. Digamos que aquí a novidade está un pouco na clave realista e humorística. Ten un punto de vista, en certo modo, bastante orixinal, con esa alianza entre a nena e o velliño, que é o avó.

-¿Como está a saúde da creación literaria na Costa da Morte?

-Ten moita vitalidade. Aquí a orixe de todo e a referencia inevitable é o Batallón, porque a poesía é o alimento nutricio de toda a literatura. Temos en todos os campos e agora apareceu a obra de Lema [Costa do solpor], que estou lendo e merece os maiores parabéns, porque sempre dixen que en Galicia faltaban novelas do mar.