Medio século sen López Abente

carballo / la voz

CARBALLO

A Fundación que coida e difunde a obra do escritor conmemora hoxe en Muxía, con varios actos, o 50. º aniversario do seu pasamento

20 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O 23 de xullo de 1963 morreu en Muxía, a mesma vila que o vira nacer 85 anos antes, Gonzalo López Abente, considerado coma un dos tres principais poetas galegos da primeira metade do século XX. Hai case cincuenta anos (o vindeiro martes) morreu un home «calado e serio», segundo dicía, Vicente Risco, ao que a Fundación López Abente homenaxeará esta tarde, como vén facendo dende hai varios anos (dous de forma oficial, cando foi constituída a entidade).

Os actos de conmemoración do 50.º aniversario do seu pasamento comezarán ás 19.45 horas cunha ofrenda floral no cemiterio muxián. Ás 20.30 horas, no salón de actos do Voluntariado, a Fundación presentará o volume Poesía Completa de Gonzalo López Abente, elaborada por Miro Villar e editada en colaboración con Espiral Maior. A presentación comezará coa actuación das pandereteiras de Muxía, que interpretarán Romaxe de Nosa Señora da Barca, un texto de Federico García Lorca que fai alusión á paisaxe galega, ademais de Muxía, unha escolma de cantos populares do concello.

A homenaxe ao autor de Centileos nas ondas, Alento de Raza e Bretemadas, entre outras, continuará coa entrega do premio da primeira edición do Certame de Poesía Gonzalo López Abente, que recollerá Daniel Salgado polo seu libro Dos días sombrizos (diario).

E como remate da velada de homenaxe, a coral polifónica Virxe da Barca estreará a peza musical A pedra da Barca, composta pola súa directora, Charo Vázquez Freire, ademais da titulada Muxía é unha serea, con música e letra tamén de Vázquez Freire.