«Antes de matar un enxame hai que buscar un apicultor»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Algunhas abellas elixen coches ou casas para descansar ou por despiste

06 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Fonteboa desenvolve un programa sanitario excepcional de investigación para facer fronte a barroase, una enfermidade das abellas, de xeito natural. Xosé Lois Pintor é o docente que leva o proxecto, que está a ter bos resultados. É un apicultor e a súa experiencia pode servir para coñecer o motivo polo que neste tempo aparecen tantos enxames en lugares inadecuados mesmo encima de coches.

-¿Por que se forman?

-As abellas marchan das súas colmeas por varias razóns, pero a principal é porque non caben. Os eucaliptos levan en flor desde decembro e iso fixo que as abelleiras medraran moito. Cando non hai espazo os enxames duplícanse. A colmea está repleta de individuos de mel e, por instinto de conservación, unha parte ten que marchar. Ás veces trátase de colmeas que teñen tendencia a multiplicarse.

-¿Quen marcha?

-A raíña co 60 % da poboación. O resto queda á espera de que naza outra.

-¿Onde van?

-Onde poden. Hai unhas que funcionan como exploradoras e buscan un lugar agradable, que pode ser un burato nunha casa como pasou en Agualada ou unha colmea baleira.

-¿Por que se pousan en coches?

-É un lugar de parada, normalmente en espera de atopar un lugar axeitado. Iso non é un problema porque se poden recoller. Métense nunha caixa e van para un abelleiro. Temos falado coa policía e con Protección Civil para que cando a xente encontre un enxame chame para que o recollamos. Nalgúns casos non se pode como pasou en Agualada. Foi unha mágoa, pero houbo que tapala porque a muller que vivía alí era alérxica. Se non é así poden vivir perfectamente nese lugar e co espazo que tiñan, entre dúas placas, podería chegar aos 150.000 individuos.

-¿Que pasa se van da colmea dunha persoa á de outra?

-No Código Civil existe un artigo no que se di que o propietario dunha abelleira pode seguir o seu enxame e recollelo, aínda que debe pedir permiso ao dono da finca. O problema é que ten que ir canda elas, para demostrar que son súas.

-¿Iso é fácil?

-Se a raíña é vella si, porque van cerca e voan a modo e baixo, pero se é unha virxe a cousa é máis complicada porque poden percorrer 2, 3 ou 4 quilómetros e mesmo poden ir por riba dos eucaliptos.

-¿É bo ter colmeas valeiras?

-Si porque é fácil coller enxames. Elas buscan lugares axeitados. Nos muíños de Verdes, debaixo das tellas sempre houbo. Arredor de Carballo, a tres ou catro quilómetros hai colmeas, polo que é fácil que aparezan nos coches ou nas casas. Lembro unha señora de Camariñas que atopou un enxame nun barril vello que tiña no xardín. Chamou a un alumno de Fonteboa e recolleunas. Antes de matar un enxame hai que chamar un apicultor.

-¿Son fáciles de convencer?

-Se a raíña é vella veñen á primeira, pero se é virxe a cousa cómplicase máis, dan máis a lata, pero hai que intentalo porque paga a pena salvalas.

-¿Como van os estudos sobre a barroase?

-Con sistemas naturais, sen a utilización de medicamentos estamos a conseguir os mesmos resultados que outros apicultores que utilizan métodos tradicionais.

-¿É unha enfermidade importante?

-Traballamos neste programa desde o 2010 e baixou a incidencia. A barroa é un insecto que chupa a hemolinfa das abellas cando están coa metamorfose, unhas morren e outras nacen defectuosas. Retiramos as cápsulas que están infectadas, co que controlamos a poboación. Agora estamos por debaixo do 3 %, que é un límite tolerable.

xosé lois pintor investigador