O escritor Miro Villar e os alumnos ceenses teñen conto para rato

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

30 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Bastou a simulación do primeiro chimpo da «ra patilonga», para que escritor Miro Villar se metese no peto aos alumnos de primaria dos colexios Eugenio López e Manuela Rial que ateigaron o salón de actos do Concello de Cee, nunha das últimas actividades do programa das Letras deste ano encadrado dentro da campaña Ler conta moito.

O profesor, poeta e crítico literario demostrou que, ademais de crear historias, sabe transmitilas sobre todo se ten en fronte aos rapaces, un dos seus públicos predilectos e ao que están dirixidas boa parte das súas creacións.

Onte arrincou a súa achega ao fomento da literatura entre os máis pequenos coas ensinanzas morais de Rebelión na charca, un conto no que os sapos pagan cara a súa fachenda ao ser descubertos por un rato que confunde o dado do engano cun anaco de queixo.

Coas ilustracións desta obra e das feitas para acompañar o relato A cobiza do verme Noel conseguiu meter aos escolares dentro das historias para facelos partícipes do seu desenvolvemento e que colaborasen con acenos, saltos e aplausos na dramatización.

Dende principio a fin foi quen de enganchalos aos contos ata o punto de que eran os propios nenos os que se esixían silencio entre eles cando o discorrer do relato invitaba a excederse no alboroto.

Ir á biblioteca

Villar aproveitou a ocasión para invitar aos alumnos a que pasasen pola biblioteca Francisco Mayán que xestiona o seu amigo e presentador do acto José Ramón Rey para coller «iso si, con volta» algún destes contos dos que valorou moi positivamente as ilustracións que lle fixeron.

Esta actividade enmarcase dentro dunha programación pensada para achegar a literatura aos rapaces dos centro de ensino de Cee a través dos autores locais e forma parte da campaña Ler conta moito, que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta para as bibliotecas públicas.

ler conta moito