Un petróglifo inédito en Ponteceso: as cruces de Brantuas

Juan Félix Neira Pérez

CARBALLO

12 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A construción do parque eólico de Corme e os preceptivos estudos de avaliación de impacto arqueolóxico (1997) nos montes cormeláns permitiron avaliar a abundancia de gravados rupestres nesta localidade pontecesá. Os arqueólogos Patricia Mañana e Manuel Santos resaltaron en Arte rupestre no Promontorio de Corme (2002) a concentración de gravados nas zonas altas cormelás, mais cómpre non pechar nunca o inventario dos gravados, porque as rochas agochan sorpresas, como puidemos ler recentemente nestas páxinas cos atopados en Camelle. O petróglifo que hoxe publicamos, descoñecido ou polo menos esquecido, e polo tanto inédito, propón interesantes cuestións, quizais condenadas á irresolución polas dificultades inherentes a estas manifestacións tan xenuínas do noroeste peninsular.

A estación rupestre consta de dous gravados cruciformes, pero de características diferentes: unha cruz inscrita nun círculo (26 x 17 cm) e unha cruz latina (18 x 11 cm), representacións por certo tamén documentadas en Corme (O Cairo e A Fieiteira), ás que os arqueólogos devanditos atribúen unha antigüidade evidente no caso da cruz con círculo. Baséanse, por exemplo, nun trazo diagnóstico fundamental para determinar a cronoloxía dos petróglifos: a profundidade dos sucos; a maior erosión destes, maior antigüidade.

Descrición

Tal ocorre nos que analizamos: a cruz do círculo é claramente máis antiga cá latina, pode que de época prehistórica, porque ten un suco transversal en forma de U moi aberto e de bordos moi desgastados, o cal resulta totalmente congruente coa nosa hipótese: a cruz latina é moi posterior no tempo, de época histórica (medieval ou incluso máis recente), de aí o seu suco en V, moito menos erosionado, porque é unha adición a posteriori, e ten como función a sacralización cristianizadora de gravados moito máis antigos que os paisanos de antano non comprendían (coma nós hoxe) e, xa que logo, asociaban a un mundo pagán que había que neutralizar co símbolo de Cristo, o mesmo que se fixo con ermidas e cruceiros nos castros.

Tampouco hai que desbotar a hipótese de que sexan marcas de canteiros ou pedreiros, dos que Brantuas foi importante foco, para sinalizar dereitos de explotación.

Hipóteses

É unha constante en moitos petróglifos de Galicia a xustaposición de cruces latinas a carón doutros signos máis antigos. A latina podería ser tamén o que Ferro Couselo chamou «petróglifo de término», indicadora de lindes territoriais (xurisdicións, parroquias, coutos), ou tamén vinculada a lugares de tránsito como o camiño inmediato, o principal da aldea e que comunica as igrexas parroquiais de Brantuas e Niñóns. Mais a asociación aquí a outra cruz non cristiá fai moi atractiva a hipótese da función santificadora. En todo caso, polo esvaradío campo dos gravados rupestres cómpre camiñar con cautela.

A hoxe insólita situación dos gravados, no núcleo mesmo do lugar de Brantuas de Arriba e a carón do camiño principal, constitúe unha vantaxe para o seu goce cotián, mais tamén un factor da súa fraxilidade, pois a rocha granítica inclinada case a rentes do chan na que se atopa está exposta ao tráfico rodado e peonil. José Varela Ameijenda, veciño do lugar, confirma que a rocha estivo ata hai algúns anos baixo a terra e a vexetación (a diferente pátina da pedra así o confirma) e que só despois do pavimentado do camiño contiguo quedou ao descuberto, circunstancia que explica o descoñecemento destas enigmáticas cruces, dignas dunha mínima atención pola súa importancia como elementos do patrimonio cultural, histórico e etnográfico de Brantuas.

Catálogo

Corresponde ao Concello de Ponteceso comunicar o achado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que os técnicos determinen a súa importancia, así como incluír estes signos cruciformes no catálogo do novo PXOM. Tamén unha mínima actuación da asociación de veciños sería dabondo para protexer e difundir estas cruces, cuxa relevancia defendemos desde aquí á luz dos argumentos expostos. Que a veciñanza da pétrea Brantuas os valore como enigmáticas pegadas dos tempos idos, en consonancia cun pasado de canteiros faladores de non menos enigmáticos latines.