«Todo o mundo ten acceso ao pensamento»

m. v. c. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

A Capela do Pilar, en Corcubión, acolle unhas xornadas sobre filosofía

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Capela do Pilar de Corcubión acolle hoxe (18.00 horas) e mañá (12.00) a cuarta edición dos Encontros de Filosofía da Costa da Morte, que organizan a asociación Universidade Cromática das Virtudes e Axóuxera Editora. Javier Turnes García, profesor de filosofía no instituto Fernando Blanco é un dos responsables das xornadas, aglutinadas baixo o título Cantar claro arredor das sabedorías da lingua común.

-¿É posible cantar claro cando se fala de filosofía?

-Parece que a filosofía xera temor, que somos uns pesados e que dicimos cousas moi raras, pero a diferenza doutras materias, como a física, por exemplo, nós usamos a mesma lingua que usamos na vida diaria.

-Pero ás veces custa entendela.

-Por iso precisamente facemos estes encontros, para que a xente lle perda o medo á filosofía. Cando Sócrates ía por Atenas falando ninguén sabía filosofía, pero conseguía que a xente pensase. Queremos que todo o mundo vexa que ten acceso ao pensamento.

-¿Como será o encontro?

-Será un encontro un pouco «a monte», porque o formato é distinto ao habitual. Serán mesas redondas con intervencións moi breves, para que os poetas e filósofos que participan non se poñan moi ata arriba do seu dicir e que a través de diferentes autores moi interesantes e a escrita en xeral o público se achegue á filosofía e que vexa que non é difícil de entender.

-Aos encontros acudirán persoeiros moi importantes.

-Pois hai que dicir que o noso orzamento é de 50 euros. Todos os convidades veñen de balde, o que amosa que a filosofía tamén implica unha certa amizade, vínculos e afectos. Por iso veñen desinteresadamente.

javier turnes organizador do encontro «cantar claro arredor das sabedorías da lingua común»