Os encontros de filosofía converterán Corcubión na capital da reflexión

carballo / la voz

CARBALLO

15 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis dunha ducia de ponentes tomarán parte a próxima fin de semana na cuarta edición dos Encontros de Filosofía da Costa da Morte, que organizan a asociación Universidade Cromática das Virtudes e Axóuxera Editora coa colaboración do Concello de Corcubión, e que converterán ese municipio por uns días na capital do pensamento e da reflexión da comarca.

Cantar claro. Arredor das sabedorías da lingua común é o título desta iniciativa, que segundo explican os seus promotores tentará de profundizar tanto na «ortodoxia sagaz que o sentimento e a práctica do home corrente sustentan por todas as partes» como nas «expresións culturais, filosóficas e poéticas máis refinadas» á procura desas sabedorías. Os actos darán comezo o venres 22 cun parladoiro presentado por Roberto Abuín no que tomarán parte Almudena Otero, Rebeca Baceiredo e Javier Gómez. Xa o sábado celebraranse outras tres mesas redondas: Senén Insua presentará a de Márcio-André, Juan Carlos Meana e Ania González; Javier Turnes, a de Ignacio Castro, Carlos Quiroga e Carlos Lema, e Serxio Cernadas, a de Anxo Rabuñal, Miguel Vázquez, Pablo Seoane e Encarna Rodríguez.

O programa dos encontros, que terán lugar na Capela do Pilar, complétase con dúas propostas musicais: o venres, unha sesión de electrónica ambiental a cargo de Koroiev, e o sábado, un Intre de libacións nocturnas cos poemas e a música de Nenoescuro, Ania González e Estevo Creus e Pablo Seoane.