Un «exército de Rosalías» encheu Carballo de música e versos

ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Dolores Platas e Samira foron as voces locais dunha orixinal velada

10 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A poesía, a música e a reivindicación feminina déronse a man no vistoso e orixinal espectáculo co que a asociación cultural Lumieira celebrou o venres pola noite en Carballo o Día Internacional da Muller. Aproveitando o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, a entidade carballesa rendeu homenaxe ao mesmo tempo a Rosalía de Castro e converteu a figura e a obra da poetisa no fío condutor dunha velada que congregou a varios centos de carballeses e que foi celebrada desde o patio de butacas con sonoros e abundantes aplausos.

Unha Rosalía de hoxe en día -Fernández Rial-, literata ao igual que a homenaxeada, planificou e conduciu a velada, na que se puxo en valor a vixencia da obra da «nosa poeta fundacional» -como a definiu Uxía- e o valor dos versos como arma para transformar a sociedade. Nesa tarefa de aunar lirismo e mensaxe a tamén presidenta de Lumieira, que mesmo se atreveu a flirtear cun rap rosaliano, estivo axudada por un «exército de rosalías insubmisas» na que as voces carballesas tiveron tamén un papel central.

A pequena Samira foi a revelación da velada, mentres que Dolores Platas puxo o punto de nostalxia ao subirse ao escenario, coa compaña musical de Juan Cancela e Juan Carlos Díaz del Valle, para rememorar os tempos do Xocaloma interpretando algúns dos temas daquel disco que o grupo carballés lle dedicara a Rosalía nos anos 80, Lúa descolorida. Súa foi a responsabilidade de abrir o apartado musical do acto e fíxoo demostrando que conserva aquela voz que en tempos non poucos viron chamando ás portas de éxitos maiores.

Uxía, «unha Rosalía internacional que leva no cantar un bico de ondas lusófonas» -en verbas de Fernández Rial-, tomou logo o relevo cunha Negra sombra que foi collendo corpo de blues, e logrou contaxiar o espírito festivo aos presentes ao interpretar xunto a Samira un animado Cómo chove miudiño, que espertou as palmas e os aplausos do auditorio.

A forza, a intensidade e a ledicia contaxiosa de Habelas hainas, catro mulleres de «condición feminista e rosaliana», animaron aínda máis aos presentes. A súa Festiña arrancou a base de voz e percusión e derivou, xa con máis variedade instrumental, nunha chamada á autoestima pola vía dunha «canción de amor... propio».

Co público xa enteiramente entregado e co elenco de convidadas ao completo sobre o escenario, o «Vaite noite, vaite abrindo...» da Alborada rosaliana soaba a despedida, pero as «rosalías» alistadas por Lumieira aínda tiñan reservado un agasallo para os presentes en forma de dous bises.

A interpretación do poema que Curros lle dedicou á ilustre poetisa -e que musicalizou Luis Emilio Batallán- puxo o emocionante punto final a unha velada que foi despedida co público posto en pé para corresponder ás artistas cun último e prolongado aplauso.

Día internacional da muller