«A educación ambiental é a chave para mellorar Galicia»

mar varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Xunta aumentará os puntos limpos nun 141,9 % en sete anos

02 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Na pasada lexislatura puxéronse en marcha plans de ordenamento importantes como o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e tomáronse decisións importantes, como a ampliación da planta de xestión de residuos de Sogama, en Cerceda. Agustín Hernández Fernández de Rojas (Madrid, 1961) repite como titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con moitos retos por diante. Entre eles, espallar o transporte metropolitano, rematar o plan de Estratexias da paisaxe ou finalizar importantes infraestruturas xa iniciadas.

-¿Que cambios sufrirá o Plan de xestión de residuos debido á ampliación da planta de Cerceda?

-No momento de tomar a decisión de non construír a Sogama do sur valoramos temas como a eliminación das subvencións que tiña a produción de enerxía a partir de residuos sólidos (RSU). Froito desa reflexión decidimos aproveitar as sinerxías xa existentes en Cerceda, unha instalación integrada no tecido socioeconómico da comarca. Será o único que cambiará no Plan de Xestión de Residuos 2010-2020, que xa se está modificando. Incluso se mantén a previsión de estar funcionando no 2017.

-Sogama acabou cos vertedoiros nos concellos, pero segue habendo puntos incontrolados. ¿Destínanse moitos recursos a que desaparezan?

-Sogama conseguiu a ordenación do tratamento de RSU no noso territorio. Os vertedoiros incontrolados son máis un problema para os concellos. O orzamento destinado dende a consellería é residual. O importante é concienciar aos cidadáns de que existe unha rede de tratamento de residuos ligada a Sogama e unha serie de puntos limpos. O noso obxectivo é acadar os 300 [fronte aos 124 actuais] no ano 2020, cun investimento duns 20 millóns de euros.

-¿Son precisas máis medidas coercitivas?

-Son importantes as medidas coercitivas, pero aposto polas medidas que incrementen a concienciación da cidadanía, o traballo didáctico como o de Ecovoz. Creo que o camiño é traballar coas xeracións futuras para que valoren o medio ambiente, porque unha das riquezas de Galicia é a nosa paisaxe.

-¿Son comportamentos que tardan en calar?

-Si, e ademais en Galicia temos problemas ligados á dispersión xeográfica. Debemos ter claro que as campañas de potenciación da reciclaxe e a reutilización son moi importantes, non soamente dende a perspectiva medioambiental, senón tamén dende a económica. Entre todas as campañas que poñemos en marcha cada ano, facemos algunha con entidades como Ecoembes ou Ecovidrio en relación coa necesidade de incrementar a porcentaxe de residuos separados en orixe, o que repercute positivamente na economía dos concellos. Traballamos co convencemento de que educación ambiental é a chave para mellorar Galicia.

-Se a educación ambiental é a chave, ¿os nenos son o motor?

-É certo. Todos os que temos fillos sabemos que son moito máis respectuosos co medio ambiente, máis coidadosos á hora de separar os refugallos no fogar ou pensar no importante que é levar o papel ou o vidro ao colector axeitado.