Birimbao estrea disco

m. varela / m. valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Birimbao está formado por Pepe Mato, Manolo Gesto, Manuel Caridad, Mabell Castro, Chema Lorenzo e Alberto Camba.
Birimbao está formado por Pepe Mato, Manolo Gesto, Manuel Caridad, Mabell Castro, Chema Lorenzo e Alberto Camba.

O grupo de folk, do que forma parte o pontecesán Pepe Mato, vén de editar «Nena do mare», o seu segundo cedé

02 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A estas alturas raro é que alguén na comarca de Bergantiños descoñeza a faceta política do veterano socialista pontecesán José Mato Pet, pero máis ignorada é a súa faceta como músico. A súa auténtica paixón é o acordeón, unha afección á que dá renda solta no grupo folk Birimbao, un sexteto que naceu en 1999 (entón como trío) e que vén de lanzar o seu segundo traballo discográfico. Un cedé autoproducido, Nena do mare, que Pepe Mato (acordeón diatónico e acordeón piano) e Chema Lorenzo (contrabaixo, baixo eléctrico e teclados) presentaron onte en Voces de Bergantiños, de Radio Voz. Un coidado traballo que colle o relevo do primeiro disco, que se chamaba como grupo e que lanzaron hai xa case cinco anos.

Nesta ocasión, os integrantes de Birimbao, ademais de Pepe Mato e Chema Lorenzo son Manolo Gesto (guitarra eléctrica, guitarra acústica e voz), Manuel Caridad (violín, gaitas e percusión tradicional), Mabell Castro (voz, frauta de pico e traveseira, whistle e pandeiretas) e Alberto Camba (batería e percusións), veñen de lanzar un traballo con oito fermosos temas. A maioría son composicións propias, como En galego a falar ou Cando penso, ás que tamén sumaron algúns temas tradicionais aos que lles engadiron os seus toques persoais. E apostan, en todos os casos, polas letras en galego. «Esa é unha das nosas sinais de identidade, a aposta pola nosa lingua e a nosa cultura a través da lingua», contou Chema Lorenzo, quen asegurou que Nena do mare é o froito dun intenso esforzo.

«Cada un de nós ten a súa vida e o seu traballo e vive nun sitio diferente, así que xuntarnos non é algo doado, pero todo o conseguimos grazas ao amor á música que compartimos e as ganas que tiñamos de facer algo xuntos», explicou.

«Aínda non sei que fago eu con toda esta xente nova. Eu estou encantado, pero supoño que eles non tanto», chanceou Pepe Mato, quen contou tamén que teñen moitas ganas de presentar en directo o seu novo traballo. «Estamos dispostos a ir alá onde nos chamen, porque o que nos gusta é actuar», dixo botándolle a luva a posibles contratacións.

música na costa da morte