Vimianzo aposta polos monólogos e o teatro para as súas fins de semana

m. v. m. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

«A lingua das bolboretas»
«A lingua das bolboretas»

O departamento de Cultura programou unha vintena de actuacións para este primeiro semestre

31 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A programación cultural regresa este domingo ao auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo da man do grupo de teatro Badius, que levará ao escenario a divertida comedia Facerse o sueco. Serán os actores da compañía baiesa os encargados de inaugurar unha intensa programación repleta de monólogos e funcións teatrais que se estenderán ata o mes de xuño. Como vén sendo habitual, todas as funcións serán os domingos (en xuño tamén os sábados) e a maioría comezarán ás 20.00 horas (haberá algunhas ás 18.30) e a entrada será gratuíta.

febreiro

O mes do teatro. Ademais de rir con Badius, os veciños de Vimianzo poderán gozar da esperpéntica montaxe da Aula de Teatro da USC Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo (domingo 17), e de Dous son parella... e o demais son calumnias, de Producións Acontrabutaca (día 24).

marzo

O mes das contadas. O mes de marzo, o dos monologuistas, comezará coa actuación de Cándido Pazó, que presentará Historias de sempre para xente de agora (día 3). María da Pontragha estará en Vimianzo o día 10 con Contos do que non hai, e Avelino González presentará Contos de contrabando o día 17. Celso Fernández será o encargado de pechar o ciclo con Contos do que non falten, el día 24.

abril

O mes da liberdade. A compañía Ti e máis eu teatro abrirá o mes de abril coa montaxe A herdanza da nai (domingo 7), á que seguirá Teatro do Andamio con A lingua das bolboretas (día 14), unha obra baseada na novela de Manuel Rivas. Teatro do Morcego subirá ao escenario o 21 de abril co espectáculo Os patios da memoria, protagonizada por Celso Parada. O mes da liberdade rematará con música, coa tarde de fados do portugués Emanuel Soares (día 28).

maio

O mes das letras. O maio cultural de Vimianzo arrancará cun compendio de pezas de Gil Vicente, que os membros da Escola de Teatro de Narón reuniron en Nau de amores (día 5). O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros visitarán a Casa da Cultura cun clásico de Castelao, Os vellos non deben de namorarse (día 12) e o mes pecharase cunha dobre ración de música, xa que os alumnos de pandeireta, gaita e percusión da Escola de Música de Vimianzo actuarán o 19 e o 26 tocarán os de guitarra.

xuño

O mes do noso. A programación cultural deste primeiro semestre rematará dándolle unha oportunidade aos propios veciños de Vimianzo, que amosarán no auditorio o resultados dos ensaios de todo o curso. O día 1 actuarán os membros da Escola de Danza e o 2 os da Escola de Teatro de Berdoias, que interpretarán Aquí non paga ninguén. O día 9 será a quenda dos actores de Pasarela, con Non te vistas para cear o 16 subirán ao escenario os pequenos da Escola Infantil, con A lei do peixe fritido e O merlo branco. O día 22 os actores afeccionados da Escola de Teatro de Salto presentarán O cadáver do señor García, e o 29 actuarán os alumnos de piano e violín da Escola de Música. O mes de xuño chegará ao seu fin cos integrantes da Escola de Teatro de Vimianzo e Cadros de amor e humor ao fresco.