Dezaoito grupos brindan a Zenzar un disco tributo

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Zenzar levan xa 25 anos facendo rock en galego.
Zenzar levan xa 25 anos facendo rock en galego. ana garcía< / span>

Os cercendeses foron agasallados co cedé con motivo do seu 25 aniversario e presentarano o 8 de marzo en Compostela

18 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Que un grupo celebre o seu aniversario recuperando algúns dos temas da súa traxectoria é algo moi frecuente, e que o faga reunindo aos seus amigos doutras bandas resulta tamén habitual. Pero que sexan estes últimos os que, por iniciativa propia se animen a organizar un disco homenaxe e a brindarllo a modo de sorpresa aos primeiros é algo só ao alcance dunhas poucas bandas. Entre elas está a cercedense Zënzar, que pode presumir xa de 25 anos de compromiso musical irredutible co rock feito en galego.

Escoitar temas como Dálle, Cheira mal, A Tribu ou Ratos no hórreo pasados polo tamiz musical de MeDoMedÁ, Compañía do Ruído, Dios Ke Te Krew ou Ruxe Ruxe, é só unha pequena mostra do agasallo sonoro que ofrece este Vai polos padriños. Tributo aos 25 anos de Zenzar. Completan o elenco de invitados Machina (por partida dobre), Desqilibrio Mental, Invivo, Som do Galpom, Nao, Pito de Pikasso, Balbordo Público, Mr. Kamándula, Raiba, K-Raxe, Chícharo Psicótico, O Jallo Light, Os tres trebóns e os homes sen medo e Secho e os Invisibles.

Algúns dos seus integrantes, xunto co único membro fundador de Zenzar que xa non forma parte do grupo, M. Silveira, acudiron este luns ao seu local de ensaio para facerlles entrega do disco e ver as súas facianas. Recuperados xa da sorpresa, Bocixa e compañía xa organizaron unha presentación por todo o alto: o día 8 de marzo na sala compostelá Capitol.