A Asociación Cultural Lucerna de Cerceda colle folgos co cambio de directiva e coa incorporación de novas socios, co obxectivo de seguir espallando a cultura. A nova xunta directiva da asociación estará presidida a partir de agora por Sabrina Gestal Queijas. Compartirá a xestión da entidade con Uxía Castro (vicepresidenta), Carlos Gende (secretario), José Antonio Gende (tesoureiro) e David Mosquera e Rocío Fernández (vogais). Desta forma, explican, «combínase a experiencia de membros que xa formaban parte da asociación dende hai tempo coas achegas de persoas máis novas». Destacan tamén a ampla presenza da mocidade, «con interese en que continúe no concello o movemento asociativo e as actividades culturais que fomenten na cidadanía a creación dunha conciencia crítica e ligadas á reinvención das tradicións do concello e do país».
Nesa liña, a nova xunta directiva xa comezou a preprar o Antroido da Veciñanza, que se celebrará o vindeiro 16 de febreiro. Desde Lucerna chaman a toda a vila a colaborar, pois consideran que é unha das citas máis valiosas do concello e que debe conservarse porque «reúne no Campo da Feira desde a mocidade até ás persoas máis maiores dentro dun ambiente de xolda e que combina a cultura popular e as tradicións coa creatividade e a crítica da actualidade».
Así mesmo, na folla de ruta da Asociación Cultural Lucerna xa hai unha presada de actividades pensadas para levar a cabo unha vez enterrado o Antroido. Na Asemblea Xeral amosouse a intención de realizar de novo o Festival, a creación dun Banco de Saberes, obradoiros audiovisuais, ciclos de proxeccións, campionato de futbolín, un bingo?
Con todo, aínda que a actividade da asociación xa estea en marcha de cara a este novo ano, Lucerna segue aberta á incorporación de novas socias e socios, ás propostas da xente que queira achegarse ao movemento asociativo do concello e a calquera idea da veciñanza de Cerceda e da comarca. De feito, Lucerna quere achanzarlle o camiño ás persoas interesadas e por iso vai emprender varias campañas de afiliación. E para que os veciños vaian coñecendo máis polo miúdo a actividade da Asociación Cultural Lucerna, poden consultar todo o traballo que realizan no seu Facebook ou no blogue aclucernacerceda.blogaliza.org.